Aumentan un 4,5 % o número de rupturas matrimoniais en Galicia
O número de demandas de ruptura matrimonial (nulidades, separacións e divorcios) presentadas en Galicia no terceiro trimestre deste ano foi de 1.077, fronte ás 1.031 que se rexistraron no mesmo período de 2023, o que supón un aumento do 4,5 %. Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación a 1 de xaneiro de 2024 obsérvase que, por cada 100.000 habitantes, en Galicia se contabilizaron, no período estudado, 39,8 demandas, practicamente as mesmas que a media estatal (39,6).
Segundo os datos feitos públicos hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, na comunidade descenderon os divorcios consensuados (de 627 a 613, un 2,2 %) e aumentaron os non consensuados (de 379 a 430, un 13,5 %). Pola súa banda, as separacións consensuadas pasaron de 18, no terceiro trimestre de 2023, a 26, no mesmo período deste ano, mentres que das non consensuadas se rexistraron 7, fronte ás 5 do ano anterior. Entre xullo e setembro contabilizouse unha petición de nulidade matrimonial.
No terceiro trimestre iniciáronse 147 procedementos de modificación de medidas consensuadas, un 3,9 % menos que nas mesmas datas de 2023. As demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 332 a 336, un 1,2 % máis.
En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse 226 demandas de modificación de medidas consensuadas, fronte ás 201 do terceiro trimestre de 2023, o que supón un aumento do 12,4 %; e 264 demandas de modificación de medidas non consensuadas (251 o ano anterior), o que representa unha subida interanual do 5,2 %.