Avanza a rehabilitación da antiga casa consistorial do Páramo para facer locais sociais

SarriaXa
Os traballos estanos levando a cabo os participantes no obradoiro de emprego Ponte de Areas IV, que o concello comparte con Guntín e O Corgo.
o páramo antiga casa consistorial obradoiro emprego
24 Mar 2021

No Páramo, avanza a rehabilitación da antiga casa consistorial, ubicada na parroquia de A Torre, co fin de convertela en espazo de reunión para os diferentes colectivos do municipio. Os traballos estanos levando a cabo os participantes no obradoiro de emprego Ponte de Areas IV, que o concello comparte con Guntín e O Corgo.

O vello consistorio está pechado desde que as dependencias municipais se trasladaron ao edificio do campo da feira, fai máis dunha década. O ano pasado, o goberno local pedía o obradoiro de emprego para dedicalo a rehabilitar as instalacións e dispoñer duns locais públicos que puidesen ser empregados polos veciños e veciñas.

Segundo informou o goberno local, o baixo será un espazo diáfano para celebrar todo tipo de eventos e comidas, levando incorporada unha cociña e baños propios. O primeiro andar adicarase a oficinas e locais para reunións.

O obradoiro Ponte de Areas IV que está a executar os traballos na antiga casa consistorial conta con 20 alumnos repartidos entre os tres concellos, que reciben formación teórica e práctica. O obradoiro, que recibiu unha achega de preto de 347.000 euros, botou a andar en decembro de 2020 e terá unha duración de nove meses.

0.15592002868652