Banda de Música de Sarria: “A Banda dálle a Sarria un nivel de cultura musical e o público medra con cada actuación”

SarriaXa
Jose Antonio González, director da Banda de Música de Sarria, e David Goyanes, presidente da Asociación que dá nome á Banda, relatan a súa historia
Banda-de-Música-de-Sarria
9 Feb 2025

Jessica Fernández

Con máis de 150 anos de historia, a Banda de Música de Sarria segue co seu proxecto de poñer en valor a música e a cultura na vila e no municipio, así como levar o seu nome alí por onde actúan. “O máis importante é coidarnos, xa que construír unha Banda de Música non é algo sinxelo e debemos loitar por conservala e mantela, xa que forma parte do noso patrimonio como sarriaos”.

Jose Antonio González, director da Banda de Música de Sarria, e David Goyanes, presidente da Asociación Banda de Música de Sarria, relatan que a historia da Banda xorde arredor do ano 1870 na parroquia de Farbán, onde nace unha banda de música como unha agrupación de carácter lúdico para poñerlle música as festas da comarca de Sarria e despois nas distintas casas do pobo.  “Ao principio, nace con 9 compoñentes e catro instrumentos: o clarinete, o saxofón, a caixa e o trombón, aínda que en ocasións introducían tamén outros instrumentos. Agora, somos máis de 60 persoas as que formamos a banda e arredor de 50 os que sempre estamos a disposición de calquera actuación”, explican.

A evolución da banda estivo marcada pola formación doutras bandas noutras parroquias de Sarria ata que nos anos 50 o alcalde Javier José Gayoso decide agrupar a todas esas bandas nunha, baixo a dirección de Andrés Piquero. Porén, a banda “desaparece entre o ano 1961 e 1979 e volve no ano 79, outra vez por motivación do entón alcalde Manuel Lence, que decide promover a Banda de Música a través da asociación Amigos da Música de Sarria. Desde aquela, a Banda de Música de Sarria persistiu ata o día de hoxe, “incluso a pesar de que se disolveu a asociación e formamos outra, a que hoxe é a Asociación Banda de Música de Sarria”, quen destaca que está “moi orgulloso de formar parte desta banda de profesionais que temos unha unión que podería denominarse como familia”. explica David, quen preside a asociación desde hai dous anos, mentres que Jose é director desde o ano 1993.

Con respecto á súa traxectoria na Banda, o director explica que cando el chega en 1993, non hai profesores que ensinen a tocar instrumentos, entón era o director o que ensinaba todos os instrumentos. “Agora, na Escola de Música de Sarria temos entre 230 e 250 alumnos. Digo temos porque ademais de dirixir a Banda de Música de Sarria, son profesor na Escola de Música de Sarria, que son entidades diferentes. Na Escola de Música estou de profesor, así como outros oito compañeiros profesores que formamos o alumnado e logo compartimos atril con eles na banda. Polo que a Escola de Música é a canteira da Banda”, argumenta Jose.

Ademais, pon en valor a Escola de Música, xa que explica que as instalacións melloraron e ensáianse todo tipo de temas musicais, polo que “a Banda é moi atractiva para os nenos que aprenden a tocar algún instrumento na Escola de Música. Tamén é certo que hai uns anos promovemos a raíz do nacemento dos meus fillos que puidera haber algunha actividade musical para nenos moi pequenos na Escola e implantouse  ‘Estimulación musical temperá’ para nenos de a partir de 6 meses, que tivo moi boa aceptación, xa que ao estar a Escola de Música preto de Escola Infantil e Gardería, viñeron entre 60 e 70 nenos a probar esta actividade, que gustou moito. Por iso, o groso da Escola está formada por nenos e nenas de entre 6 meses e 10 anos, aínda que temos aulas de adultos, que acollen persoas de ata 70 anos”, concreta.

A IMPORTANCIA DA BANDA DE MÚSICA DE SARRIA

A Banda de Música de Sarria está composta por unha “formación bastante clásica. Hai 15 anos tiñamos especialidade de corda na Escola e fomos capaces de unir a violonchelos, pero agora temos unha formación máis clásica con óboes, frautas, clarinetes, trombóns, trompetas... é dicir, con instrumentos de vento e percusión. Temos un contrabaixo, como algo diferencial, e facemos moita música con piano ou  incluso tocamos ás veces con baixo eléctrico e batería. Temos moita xente que canta tamén, como Lolo Castro, Jesús Alvarez ou Malditos Roedores. Somos moi afortunados por poder contar con tantos profesionais”, comentan.

Con todo, din que “moita da movida musical que hai en Sarria é grazas á Banda de Música e tamén a asociacións como Meigas e Trasgos ou Peleiriños, que son pioneiros na ensinanza de música tradicional. A Banda o que lle dá a Sarria é un nivel de cultura musical que ademais demanda a poboación en cada concerto. O público medra en cada actuación e nós facemos que sexa algo dinámico e distinto, engadindo actuacións visuais, polo que o público nunca sabe que vai atopar, e por iso ten tan boa acollida. Para nós, canta máis oferta cultural haxa nun pobo, mellor; xa que tamén lles ofrecemos oportunidades aos nosos fillos. Como pai, creo que para poder atopar o teu camiño no día de mañá, é bo poder escoller no ámbito cultural. Para min, dirixir a Banda era un soño que tiña de pequeno. Eu crecín co director don Enrique García Rey, que para min era o maior expoñente da musica do mundo, e non pensaba que algún día podería facer o que el estaba facendo, xa que ninguén te tomaba en serio se dicías que querías dedicarte á musica. Todo iso cambiou grazas ás escolas de música. É un orgullo para min e unha responsabilidade grande porque teño xente sentada diante de min con máis formación ca min, e nenos de 9 anos con pais ante os que debo responder”, explica Jose.

Por outra banda, di que tamén a xente de Sarria mostra ese compromiso coa Banda, xa que “a igrexa énchese sempre cos nosos concertos, e calquera actuación que facemos ten unha acollida en Sarria. Tamén pasa noutros sitios, pero en Sarria é especialmente caloroso; a sociedade vai predisposta a pasalo ben. Dá igual o que toques, calquera cousa ten unha aceptación brutal. Outros sitios teñen unha mellor banda e auditorio, pero custa mover á xente”. Con respecto ao tema do auditorio, tanto David como Jose sosteñen que “para todo o pobo é necesario ter un local para todas a estas actividades lúdicas, un auditorio, porque tanto a imaxe como o son van mellorar exponencialmente”. Así, explican que “hai moito auditorio baleiro, e entendemos que non habería que ter un auditorio en cada pobo, pero en Sarria coa cantidade cultural e musical que hai podería haber un edificio pechado. En Sarria é difícil xustificar que non haxa una auditorio. Se temos tan boa acollida con locais limitados, como sería esa acollida se lle ofreces un espectáculo mais cómodo e con maior capacidade para ver a todas as persoas que forman parte; a igrexa é grande pero non e o mellor espazo e na casa da cultura non cabemos no escenario 55 persoas, xa 30 persoas van xustas. Sarria merece un auditorio”, sentenzan.

A BANDA, UNHA FAMILIA QUE PERDURA

O presidente da Asociación, David Goyanes, di que na Banda hai un “compromiso, unha relación de núcleo familiar e de amizade que fai que os que estamos aquí e non cobramos porque non somos profesores na Escola de Música dediquemos o noso tempo libre e incluso os nosos cartos persoais para estar nos ensaios e nas actuacións. Pero todo o investido merece a pena. Os nenos ven que os que somos mais veteranos integramos a todo o mundo, e que fagan o que fagan teñen un apoio, e esa é unha das cousas que a fai que a Banda se manteña e creza. Cada vez hai máis nenos, máis compañeirismo, e máis amigos. A relación que hai é de protección, moi sa, moi bonita e chama a atención”, sostén.

Por iso, como proxecto de futuro a longo prazo din que é “coidarnos entre todos, que nos respectemos”, porque di Jose Antonio González, que “eu entrei con 8 anos e teño 52 e aquí sigo. Temos momentos mellores e peores; somos humanos e somos unha familia, e o proxecto debe ser ese, porque é moi fácil destruír e é moi difícil de conservar e manterse. Para min o proxecto vital é coidarnos entre nós e tamén entre as asociacións. Eu sempre digo que nos respectamos todos. Moitos dos músicos da nosa Banda comparten outras asociacións, e todos nutrímonos de todo, defendémonos, e a relación é mellor do que a xente pensa. Temos cada un o noso espazo, convivimos entre nós e compartimos persoal e estamos orgullosos de dicir que o pobo de Sarria ten tanta actividade musical”, comenta.

Tamén, poñen en valor a súa boa relación co Concello de Sarria, “porque dependemos moito deles e a relación e vai por bo camiño, xa que a Escola de Música é municipal e ao crecer a nivel de Escola implica crecer a nivel de Banda, polo que non queremos desatender iso. Queremos seguir na mesma liña e estar atentos e impulsar o que xa estamos facendo para mellorar e manter o que xa está feito. A xente que forma da Banda ten moito mérito”, destaca.

Para finalizar, adiantan que, entre as actividades que teñen pensadas ao longo deste ano 2025 está a organización dun concerto no que “virá unha casa de música valenciana cun solista  para levar a cabo un concerto coa Banda e contaremos ademais cunha exposición-taller. Tamén temos proxectos en mente, como un concurso de baile, e en marzo queremos facer un concerto con imaxes e seguir fomentando actividades sociais”, conclúen.

0.16191077232361