Begonte: Ruta das lagoas

SarriaXa
A importancia deste espazo natural no corazón da Terra Chá vai máis aló do mero atractivo paisaxístico
Lagoas begonte
7 Sep 2025

A ruta das lagoas de Begonte acolle un percorrido de arredor de seis quilómetros, de dificultade baixa e accesible para todos os públicos, permite descubrir un dos tesouros naturais máis destacados do concello de Begonte: a coñecida Ruta das Lagoas, situada no corazón da Terra Chá.

O itinerario pode iniciarse dende o Club Fluvial de Begonte. Tomando en coche a estrada N-VI cara a Baamonde, tras uns tres quilómetros aparece un indicador que dirixe ata a Lagoa de Riocaldo. Nese punto, cómpre desviarse e avanzar uns trescentos metros máis ata o lugar habilitado para deixar o vehículo. A partir de aí comeza a andaina a pé.

O camiñante debe seguir pola esquerda, onde pronto se abre ante a vista a primeira das lagoas. Rodeando a súa beira, a senda conduce ata unha pequena estrada, na que se debe volver tomar á esquerda ata desembocar de novo na nacional. Alí, cómpre virar á dereita para acompañar o curso do río Ladra, que leva ao paso da ponte da autovía. Desde ese punto, a paisaxe ofrece unha ampla panorámica de grande beleza.

Continuando polo sendeiro, a ruta guía ao visitante ata as Lagoas do Pedroso, outro enclave de enorme valor ambiental.
De regreso, hai que volver cruzar a ponte e desviarse á esquerda por unha estreita estrada que fai un xiro á dereita, atravesando dúas das lagoas de Riocaldo. Este tramo enlaza co primeiro desvío tomado ao inicio, de maneira que se completa o percorrido circular ata o punto onde se deixara o coche. Existe tamén a posibilidade de prolongar a visita: se desde o aparcamento se toma o camiño contrario ao comezo, bordeando outra das lagoas, chega a unha pequena casa abandonada. Nese lugar só queda dar a volta e desfacer os pasos andados.

UN ECOSISTEMA ÚNICO

A importancia deste espazo natural vai máis aló do mero atractivo paisaxístico. A Terra Chá posúe un dos conxuntos húmidos máis relevantes de Galicia, auténtico santuario para a biodiversidade. As lagoas situadas entre as parroquias de Begonte e Pacios, a carón do río Ladra, constitúen un refuxio vital para numerosas aves migratorias que chegan no inverno.

A maioría destas formacións acuáticas teñen a súa orixe en antigas extraccións mineiras de area e arxila, pero hoxe son fogar dunha variada flora e fauna. O enclave está recoñecido como Lugar de Interese Comunitario dentro da Rede Natura 2000.

Entre a fauna destacan garzas, cormoráns e patos, xunto a mamíferos como xabaríns e corzos, que completan a riqueza dun ecosistema que converte a Ruta das Lagoas nun destino imprescindible para quen busca natureza en estado puro.

Con esta ruta, camiñantes e visitantes poderán desfrutar dun espazo natural inesquecible.

⚙ Configurar cookies
0.16182613372803