Benjamín Escontrela, candidato do PSOE á Alcaldía de Sarria
O candidato socialista afronta este novo reto “con enerxía e moitas ganas de traballar por Sarria dende a Alcaldía”, e dende o alto coñecemento do municipio que lle dá residir dende sempre no municipio, a súa ampla traxectoria profesional e a súa implicación política.
Benjamín Escontrela é o candidato do Partido Socialista á Alcaldía de Sarria. A executiva do PSdeG aprobou onte nunha reunión celebrada a última hora da tarde a proposta de candidatura, que foi validada pola Comisión de Listas nunha xuntanza inmediatamente posterior.
O secretario Xeral dos socialistas na provincia, José Tomé Roca, destaca “a recoñecida solvencia profesional e política” de Escontrela, “que empeza unha nova etapa co aval dun partido municipalista, como é o PSOE, poñendo por encima de todo ós veciños de Sarria”. “Non vén buscar nada á política, porque non lle fai falta. Só busca o ben de Sarria”, recalcou.
José Tomé tamén puxo en valor “o alto coñecemento da realidade social e económica” do concello sarriano de Benjamín Escontrela, así como a súa experiencia e capacidade de xestión para sacar adiante iniciativas e proxectos positivos para a veciñanza, tal e como ten demostrado”. “Uns valores fundamentais para poñerse á fronte da Alcaldía porque dan garantías de rigor e eficacia”, asegurou.
Catro prioridades moi claras
Nado en Sarria, no Barrio Nuevo, onde viviu sempre coa súa familia, Benjamín Escontrela é médico, e desenvolveu a maior parte da súa actividade profesional no municipio sarriano. Unha ampla traxectoria profesional, reforzada polos últimos anos en política como Concelleiro, grazas ás que coñece “moi ben a realidade do meu pobo e as súas necesidades”.
Neste sentido, o candidato socialista, que afronta este novo reto “con enerxía e moitas ganas de traballar por Sarria dende a Alcaldía”, marca como prioridades a promoción económica e industrial, con medidas como “a posta a disposición de solo para que as empresas non sigan marchando, como está sucedendo na actualidade, e para que veñan novas empresas”.
Tamén, o deseño e implantación dun “bo plan de servizos sociais, de axuda a domicilio, axuda no fogar e conciliación laboral e familiar”, como impulsou neste últimos anos como Concelleiro. Neste ámbito, considera esencial “unha reforma estrutural en todos os sentidos da residencia, que hai que ampliar e adecentala, ademais de crear un centro de día, onde se poidan desenvolver talleres de memoria ou terapia cognitiva, entre outras actividades”.
Potenciar o Camiño de Santiago como recurso xerador de riqueza e emprego en Sarria, “onde podemos ofrecer todos os servizos que precisan os peregrinos para o seu benestar, tanto atención sanitaria as 24 horas, como servizos de tren ou albergues, entre outros”, é outra das súas apostas.
Para Benjamín Escontrela é así mesmo prioritario apoiar o medio rural, traballando dende o Concello para dotar e mellorar todos os servizos dos veciños e veciñas, ben sexa en materia de saneamento, abastecemento ou estradas.
Unha vez ratificada a súa candidatura, Benjamín Escontrela presentará nas vindeiras datas a súa candidatura aos veciños e veciñas de Sarria, nun acto ó que acudirá o Secretario Xeral do Partido Socialista na provincia, José Tomé Roca.