Benjamín Escontrela comprométese a mellorar a calidade do servizo da residencia de maiores se chega ao goberno de Sarria
Os socialistas de Sarria presentaron a súa candidatura ás seguintes eleccións do 28 de maio nun acto público no hotel Alfonso IX no que participaron o alcaldable, Benjamín Escontrela Díaz; o secretario xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca; a deputada no Parlamento de Galicia, Patricia Otero, e outros responsables orgánicos do partido, ademais de militantes e simpatizantes e veciños e veciñas da localidade e da comarca.
José Tomé subliñou que os socialistas presentan á cita coas urnas do 28 de maio “un proxecto novo, ilusionante, solvente e responsable para darlle a Sarria o que necesita: un Goberno estable e serio, que coloque por riba de todo os intereses e o benestar dos veciños e das veciñas, capaz de atender os seus problemas e de sacar adiante proxectos de futuro, con eficacia, sen enredos e con transparencia”.
“Todo isto”, asegurou o secretario xeral, “é o que representa Escontrela, co aval da súa traxectoria profesional, política e na xestión municipal, e a súa candidatura”, da que destacou a presenza de “históricos socialistas que estiveron en listas anteriores “e aportaron ideas e traballo nas corporacións das que lles tocou formar parte, aínda que, lamentablemente, despois os intereses persoais botaron abaixo”.
O líder socialista explicou que os socialistas daranlle a Sarria "o impulso que necesita para aproveitar o seu enorme potencial e situala no lugar que merece. Sabemos facelo. Xa o demostramos”, subliñou José Tomé, lembrando que a Deputación financiou integramente a actuación realizada na Ponte Ribeira a través dun convenio co Concello e aportou neste mandato un total de 4M€ de investimento ao municipio “para mellorar os servizos e as prestacións” da veciñanza.
Así mesmo, o líder do Partido Socialista na provincia puxo en valor e agradeceu a Escontrela “o traballo en defensa dos veciños para corrixir a inxustiza que se fixo co IBI en Sarria, co consentimento do actual alcalde, que foi incapaz de solicitar a devolución. Unha situación ante a que, de oficio, a Presidencia da Deputación ordenou a devolución, que comezará a efectuar a vindeira semana aos primeiros veciños, entre 200 e 300", avanzou, "para seguir realizando os ingresos segundo vaian estando os expedientes rematados.
Propostas centradas en Sarria
Pola súa banda, o candidato socialista asegurou que “fronte ao ruído e ao insulto, o PSdeG aposta pola política útil". Explica que "sempre demostramos compromiso e seriedade ao escoitar e valorar as demandas das veciñas e veciños. E agora, xunto con todo o equipo que me acompaña, afrontamos este novo reto con enerxía, con ilusión e con moitas ganas de traballar por Sarria desde a Alcaldía, coa única prioridade de mellorar a vida de todos os sarriaos, especialmente a dos máis vulnerables”.
Avanzou ademais que a candidatura socialista traballará dende “o compromiso, a seriedade, a transparencia, en pé de igualdade e, por suposto, con responsabilidade e rigor”.
Benjamín Escontrela marca prioridades no eido urbanístico como humanizar o espazo do campo do río, a través dun Plan Especial de Reforma Interior; a rehabilitación e mantemento do patrimonio histórico; conseguir a titularidade do edificio do antigo ambulatorio e a súa rehabilitación; unha solución definitiva para a Ponte Ribeira; e un novo consenso que permita a redacción dun PXOM actualizado, así como desbloquear a execución da segunda fase do Polígono Industrial do Morelle.
Outras propostas son a redacción dun plan xeral de aproveitamento hídrico, coas infraestruturas necesarias para combater as secas; resolver e adxudicar un contrato de recollida de residuos adaptado á nova realidade; e loitar pola restauración integral do muíño do Toleiro.
No ámbito deportivo e cultural, expón actuacións sobre a Feculeira e un apoio firme do Concello ás diversas asociacións e aos clubs deportivos de Sarria. Tamén un maior impulso ás festas locais, a mellora e actualización do estadio da Ribela e a potenciación da Banda e da Escola de Música, entres outras iniciativas.
O candidato socialista comprométese a mellorar "a calidade da prestación do servizo e a ampliación de prazas” na residencia, ademais de traballar para crear un centro de día integrado nesta dotación, que ofreza obradoiros de memoria e estimulación cognitiva, entre outras actividades.
“Iniciaremos a construción dun parque infantil cuberto que lles permita aos nosos cativos desfrutar nos meses de inverno, o impulso dun plan de reforma, mellora e actualización dos parques infantís existentes, e a promoción de actividades lúdico-culturais de interese para a poboación moza da vila”, incidiu o candidato.
Outras das liñas de actuación será a de actualizar e mellorar tanto a páxina web do Concello como a sede electrónica, a apertura dunha oficina central de turismo na Casa das Arsenias, o deseño dun plan de guías turísticas actualizado ou a dinamización do matadoiro municipal como referente comarcal, ademais de incentivar os plans de mellora de núcleos rurais para dotalos de todos os servizos urbanísticos.