BNG leva ao Senado unha proposta para esixir ao Goberno que rexeite o acordo Mercosur

A senadora do BNG, Carme da Silva, defenderá unha iniciativa na cámara alta para esixir que o Goberno cambie de posición e rexeite o acordo UE-Mercosur polas graves consecuencias que tería para o sector agrogandeiro galego. O BNG convida PP e PSOE a mudar a posición que manteñen na Unión Europea e apoiar esta iniciativa que ten por obxectivo defender un sector fundamental para a economía galega e pequenos e medianos agricultores e gandeiros de Galicia.
O próximo mércores, 25 de febreiro, o Bloque Nacionalista Galego defenderá unha moción para que o Senado inste o Goberno do Estado a apoiar e escoitar aos sectores produtivos -nomeadamente o sector agrogandeiro- e ter en conta as demandas ante as negativas consecuencias que implicará a posta en marcha do Acordo UE-Mercosur que están a ser obxecto de mobilizacións e manifestacións de rexeitamento por parte dos sectores prexudicados.
“O Goberno do Estado debe mudar a posición favorábel do Goberno español na tramitación deste Acordo, asumindo unha posición crítica, de defensa dos intereses dos nosos sectores produtivos e de rexeitamento a un Acordo comercial que será moi lesivo para eles” reclama a senadora do BNG, Carme da Silva.
Do mesmo xeito, a nacionalista propón someter o acordo UE-Mercosur a debate e votación nas Cortes Xerais do Estado dada a súa relevancia, consecuencias e implicacións negativas para a viabilidade futura do ámbito agrario e gandeiro, entre outros.
“Sobran os motivos para rexeitar este acordo tan lesivo para o sector agrogandeiro galego e, polo tanto, para apoiar esta moción do BNG” sinala Carme da Silva. Neste sentido, o BNG coloca a pelota no tellado de PP e PSOE que no ámbito europeo están a promover o acordo mais logo cambian a postura en Galicia: “ou se está a favor do sector, ou a careta caeralles da cara” advirte.
De votar en contra, as forzas estatais estarán dando de lado ao sector agrogandeiro galego que en Galicia leva mobilizándose desde finais do ano pasado en contra dun acordo comercial que ameaza a viabilidade futura do sector ante a entrada masiva de produtos agrarios procedentes de América do Sur, especialmente avícolas e de vacún.