Bóveda acolle a clausura do obradoiro de emprego dual xunto co Incio e A Pobra do Brollón

SarriaXa | RibeiraSacraXa
O programa, financiado con 412.000 euros pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, formou a unha vintena de participantes en xardinería e mantemento de zonas verdes
Obradoiro-dual-de-emprego-Boveda-O-Incio-A-Pobra-do-Brollon
10 Sep 2025

Bóveda acolleu a clausura do obradoiro dual de emprego impulsado por este concello en colaboración cos do Incio e A Pobra do Brollón, unha iniciativa financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cun investimento de 412.000 euros. O programa desenvolveuse ao longo dos últimos nove meses e deu formación teórica e práctica a unha vintena de participantes dos tres municipios, centrada en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría.

Durante o acto, Arias subliñou que os obradoiros promovidos pola Xunta “céntranse en sectores nos que existe unha demanda real de profesionais cualificados”, polo que animou aos alumnos-traballadores que recolleron os seus diplomas a “aproveitar as competencias adquiridas para abrirse camiño no mercado laboral”.

A formación teórica completouse con prácticas laborais que fixeron posible mellorar xardíns e espazos verdes dos tres concellos participantes. En Bóveda realizáronse actuacións na contorna do miradoiro do Alto do Coto, no parque infantil e no entorno da igrexa de Rubián, no paseo ó Muíño do Xil, na ruta de Remesar e nos campos da festa de Teilán e Ver.

No Incio acometéronse traballos no entorno do Muíño de Sancho e na área recreativa Fonte do Arnado, así como nas rutas do Mamut, dos Muíños de Trascastro e Pozo da Ola. Tamén se interveu nas áreas verdes da Praza de España, na carballeira, no entorno da igrexa e na praia fluvial de Sáa.

Pola súa parte, na Pobra do Brollón os participantes levaron a cabo melloras na área de autocaravanas dos Medos, nas zonas recreativas de Samugueiros e Sáa, así como nas rutas de sendeirismo da Cova das Choias, da Castaña e do Mel, e tamén na que enlaza a ferrería de Loureiro co Mazo de Santigoso.

⚙ Configurar cookies
0.16100692749023