Caamaño asegura que os orzamentos da Xunta do 2025 destinarán 675 millóns de euros para a área sanitaria de Lugo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Destinarán preto de 6,5 millóns de euros para avanzar na ampliación do Hospital da Mariña (5 millóns de euros) e no Plan director do Hospital de Monforte (1,4 millóns de euros)
visita-cis-caamano-lugo
19 Out 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou que os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano destinarán á área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos 675 millóns de euros, un 5,7 % máis que o ano anterior, e cun crecemento por enriba do que medran as contas da Consellería en 2025.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou estes datos na súa visita ao centro de saúde de Fingoi, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares.

"O incremento orzamentario posibilitará mellorar infraestruturas e equipamento e seguir blindando unha asistencia sanitaria de calidade para os veciños e veciñas desta área sanitaria", explicou.

"As contas da Consellería para o vindeiro ano acreditan o compromiso do Executivo galego coa cidade de Lugo, posto que van permitir iniciar as obras do centro de saúde da Milagrosa, coa partida de 1 millón de euros reservada ao efecto", dixo.

Aclara que tamén posibilitarán avanzar nunha infraestrutura prioritaria para o Goberno galego, o centro de saúde do Sagrado Corazón. A tal fin, o conselleiro remarcou a vontade da Xunta de impulsar esta infraestrutura para o que agarda retomar o diálogo co Concello, toda vez que modificou a súa proposta inicial. Neste sentido, o conselleiro pídelle ao Concello que despexe dúbidas e non poña atrancos para unha áxil construción.

Gómez Caamaño tamén puxo en valor que os novos orzamentos permitirán seguir apostando polos hospitais comarcais da provincia, aos que se destinan preto de 6,5 millóns de euros para avanzar na ampliación do Hospital da Mariña (5 millóns de euros) e no Plan director do Hospital de Monforte (1,4 millóns de euros) co obxectivo de contar con espazos máis modernos e funcionais.

0.17834901809692