Caballero realizou no día de onte unha xuntanza na casa do pobo de Sarria

SarriaXa
Gonzalo Caballero pechou no día de onte a súa ronda de encontros coa militancia socialista cunha xuntanza na casa do pobo de Sarria.
21 Out 2021

Gonzalo Caballero, tras visitar Valdeorras e Meira, pechou no día de onte a súa ronda de encontros coa militancia socialista cunha xuntanza na casa do pobo de Sarria.

Dende esta vila lucense, Gonzalo Caballero subliñou que “eu non teño máis mochila que a forza da militancia para seguir impulsando un PSdeG forte e de esquerdas que sexa a alternativa ao PP en Galicia”.

Así pois, fixo fincapé en que o vindeiro día 30 os e as socialistas de Galicia están chamados a elixir se queren avanzar pola esquerda e da man das bases do partido ou retroceder cara outros modelos.

Sobre todo, como dixo Gonzalo Caballero, porque “todo o mundo recoñece que o PSdeG está hoxe mellor que hai catro anos”, logo de mellorar o nivel de apoio electoral en Galicia en todas as eleccións ata o punto de acadar o fito “histórico” de vencer ao PP galego ata en dúas ocasións.

Precisamente a iso atribuíu o feito de que “a militancia se está activando” de cara as primarias “porque quere avanzar e non retroceder, quere sumar e non restar” da man dun proxecto “transparente e sen mochilas”.

En relación con isto, Gonzalo Caballero anunciou que o sábado presentará as bases do seu proxecto nun acto que terá lugar en Santiago.

“Un proxecto de esquerdas, feminista, ecoloxista, galeguista e cun claro compromiso ético que quere gañar dentro, coa militancia, para gañar fóra, coa cidadanía galega”, remarcou.

0.17156600952148