Camiña Sarria acusa á oposición de bloquear a nova taxa do lixo e frear a renovación dos contedores

SarriaXa
O grupo de goberno lamenta a falta de alternativas e advirte de que o rexeitamento da ordenanza impedirá mellorar o servizo ata 2027
Casa-Concello-de-Sarria
12 Nov 2025

O grupo de goberno local de Sarria, representado polo partido Camiña Sarria, lamentou o “bloqueo absoluto” da oposición, que votou en contra da nova ordenanza da taxa do lixo sen presentar, segundo indican, ningunha alternativa. Desde o executivo municipal defenden que durante semanas houbo “vontade real de diálogo e negociación” e que se presentaron diferentes propostas e modificacións co obxectivo de acadar un acordo que permitise renovar os contedores e mellorar o servizo, “sen que ningunha delas fose aceptada”.

O goberno lembra que a actualización da ordenanza era unha obriga legal, xa que a normativa estatal establece que os usuarios deben asumir o custo real do servizo, algo que en Sarria non se cumpre desde hai máis dunha década. O actual contrato, en vigor desde 2005, leva cinco anos vencido e mantense cun servizo que cualifican de “deficiente e ineficiente”, con contedores “rotos, desfeitos e impropios dunha vila como Sarria”.

Segundo explican, a negativa da oposición supón que o municipio quede “atrapado ata 2027, sen posibilidade de sacar a licitación un novo contrato nin de renovar os contedores”. Acusan aos grupos contrarios de “antepoñer o cálculo político á responsabilidade cos veciños”, o que consideran “unha decisión profundamente prexudicial para o futuro de Sarria”. “Quen vota en contra sen ofrecer alternativa está a dicir non á limpeza, non á responsabilidade e non ao futuro de Sarria”, afirmou o grupo de goberno.

Tras este bloqueo, Camiña Sarria fixo un chamamento aos tres grupos da oposición para que elaboren unha proposta alternativa conxunta se consideran que a presentada non é axeitada. O goberno comprométese, por responsabilidade, a absterse para facilitar a súa aprobación se os tres grupos logran poñerse de acordo.

“Nós fixemos propostas, abrimos negociacións e ofrecemos cambios. Agora é a súa quenda: se teñen un modelo mellor, que o presenten. O que non se pode é bloquear e quedar de brazos cruzados mentres Sarria se afunde entre contedores rotos”, concluíu o grupo de goberno.

⚙ Configurar cookies
0.067594051361084