Camiña Sarria consegue un acordo co PSOE para mellorar as dotacións da vila

SarriaXa
O acordo implica a mellora de diversas rúas como a Rotonda da Rúa Castelao, a Rúa Padre Sarmiento, a Rúa Rosalía de Castro, entre outras.
residencia maiores sarria
27 May 2021

A Secretaria Provincial do PSdeG, Patricia Otero e o Secretario de Organización Provincial do PSdeG, Juan Valiño mantiveron unha nova xuntanza de traballo con representantes da Comisión Executiva de Sarria na que deron conta do acordo acadado co grupo municipal Camiña Sarria, para investir no Concello o superávit existente nas arcas municipais co fin de facer fronte a varias obras de carácter urxente para o bo funcionamento do Concello de Sarria.

Hai que lembrar que a día de hoxe, segundo trasladaron os representantes do Goberno municipal, a débeda do Concello é cero, polo que poden realizarse estes novos investimentos na vila. Este acordo xa foi informado e enviado por correo postal á toda militancia de Sarria, xa que por mor da pandemia non se poden realizar reunións presenciais con tódolos militantes.

A Secretaria Provincial agradeceu a implicación e o traballo da Comisión Executiva Socialista de Sarria, que nunha reunión celebrada o pasado 18  de maio, elixiu unha comisión negociadora para acadar este consenso, vital para mellorar a calidade de vida e as dotacións das veciñas e veciños de Sarria.

“As 10 propostas que propoñen os socialistas de Sarria son proxectos e iniciativas moi necesarias, pero ademais moi demandadas pola propia cidadanía. Obras nas rúas máis afectadas da vila, manter a bonificación do IBI do 95%, a rehabilitación da casa das Arsenias, as melloras na Residencia de Maiores ou os bancos de libros gratuítos son propostas realistas que contribúen a dignificar a vida da xente de Sarria”, argumentou Patricia Otero.

Proxectos do PSdeG que se inclúen no acordo

Os novos proxectos que propón o PSdeG no acordo acadado co grupo municipal Camiña Sarria son os seguintes: a inclusión de previsión orzamentaria para a contratación de obras coma a renovación do firme dende a Rotonda da Rúa Castelao ata o Cruce da Ciguñeira, a renovación do firme da Rúa Padre Sarmiento, a renovación firme Rúa Rosalía de Castro ou a renovación do firme da Rúa da Igrexa de Oural, entre outras; manter a bonificación do IBI do 95% para as construcións rurais; incluír previsión orzamentaria para a execución do proxecto para a rehabilitación completa da Casa das Arsenias, na Rúa Maior, para o seu uso e posta en valor; incluír previsión orzamentaria para renovar a cuberta da Residencia de Maiores de Sarria, así como a dotación precisa para o seu adecuado funcionamento a nivel  asistencial, e a súa adecuada xestión; demandar á Xunta de Galicia, de modo continuado, a creación dunha gardería pública en Sarria e realizar acordos cos centros de ensino para o acceso gratuíto a bancos de libros de  texto.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1651759147644