Refórmase o parque infantil do Chanto de Sarria
O parque infantil do Chanto, así como a contorna será o escenario dunha remodelación nun espazo de 105 metros cadrados e cun presuposto de 50.000 euros, dos que 35.000 proceden dunha subvención da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.
Con esta actuación, desde a Concellería de Medio Ambiente, na que está á cabeza Borja García, queren promover un lugar accesible para todos os nenos e nenas a través da colocación dun pavimento de caucho de absorción de impactos, á vez que se potencia a inclusividade a través de cinco novos xogos: dous balancíns, un carrusel, un bambán con dous asentos e un areeiro.
Xa o ano pasado o concelleiro, ao entrar no Goberno local, mantivo unha reunión coa Plataforma Diversa Infantil de Sarria co fin de analizar de que maneira sería máis axeitado reformar os parques, así como cales serían os mellores xogos para promover unha participación de todos os nenos e nenas de Sarria nestes parques infantís, independentemente das súas características físicas e psíquicas e xa se instalaran daquela dous novos xogos infantís, así como se mellorou a accesibilidade ao parque mediante a colocación duns pivotes de separación na entrada para os coches.
Así, desde a Plataforma poñen en valor a disposición do concelleiro e animan a que se sigan tendo en conta ás familias da vila para seguir promovendo espazos públicos “cheos de participación e cada vez máis inclusivos”. Ademais, tamén animan ás familias a mostrar as súas necesidades e que “non teñan medo a falar con nós para darnos ideas sobre cousas que son necesarias para as circunstancias dos seus pequenos, que podemos transmitirlle ao Concello”, sostén Noelia, da Plataforma Diversa Infantil de Sarria.
Desta maneira, di Borja García, reformarase unha quinta parte do Chanto, aínda que a intención futura é reformar de forma integral o parque do Chanto, un proxecto que ten de custo uns 450.000 euros. Ademais, os presupostos municipais contemplan unha partida de 50.000 euros para parques infantís, co fin de renovar pouco a pouco os xogos dos diferentes parques da vila e facelos cada vez máis inclusivos, tanto o do Chanto, o da praza da Vila, o do Oural, o das Insuas e na zona verde que se sitúa entre a casa da cultura e a Escola de Música.
“A idea é non só reformar os parques, senón tamén a contorna, sendo o máis inclusivos posibles, como o fixemos coa zona sen ruído ou baixada do volumen no San Xoán, no Entroido e no Nadal”. Así, di que desde o Concello seguirán tendo contacto directo coa Plataforma Diversa Infantil e tamén coas anpas dos colexios para seguir mellorando Sarria.
Por último, García adelantou que teñen en marcha un proxecto para cambiar a cartelería das entradas dos parques infantís con pictogramas para que sexan todos iguais e que se entendan ao estar unificados.