Canteira e humildade, a esencia do equipo da SD Oural

Jessica Fernández
“Sorpréndenme os xogadores pola súa calidade humana e futbolística. Hai que mellorar algunhas cousas da liña de traballo, pero en xeral estamos traballando ben para sacar máis puntos nesta segunda parte da tempada”. Jorge Fernández, máis coñecido como Negrete’, fala así do equipo de fútbol da SD Oural que dirixe desde hai máis de 12 anos e que o ano pasado conseguiu ascender a Primeira Galicia despois de estar “entre 5 e 6 anos pelexando por ese obxectivo”, destaca.
“Sentimos moita satisfacción cando ascendemos por todo o traballo feito durante estes anos, nos que iamos quedando en postos superiores, pero non chegabamos a ascender, polo que isto foi unha compensación por todo ese traballo tanto do corpo técnico como da directiva. Ademais, os nosos xogadores son maioritariamente de Sarria, polo que tamén é un logro importante para o pobo”, subliña.
Sobre esta tempada xa comezada, considera que “estamos tendo mala sorte, xa que non conseguimos apuntar tantos e estamos ao final da listaxe de equipos. Hai algúns equipos que son superiores e que poderían ser de preferente, entón están loitando por ascender, e do resto somos todos moi parecidos, polo que estamos pagando a ‘novatada’ ao ser os recén chegados. Nós temos o obxectivo de manternos, xa que ascender tamén significa adestrar máis tempo, así como o custo económico sobe e nós non poderiamos asumilo. Pero tampouco queremos volver a baixar, xa que levamos moitos anos pelexando por isto e sería un fracaso. O equipo que temos merece estar en Primeira”, destaca.
Con todo, recoñece que “é difícil” manter equipos pequenos como este, porque “dependes economicamente das subvencións das institucións, como a do Concello de Sarria que axuda a pagar as fichas dos xogadores, os custos de arbitraxe dos partidos e os desprazamentos, polo que lle estamos moi agradecidos; así como as axudas altruístas de persoas vinculadas ao fútbol ou ao Oural, e de empresas de Sarria, que tamén nos axudan. A todos eles estámoslles moi agradecidos, xa que sen eles, sería imposible, pero aínda así, é difícil, cada vez hai menos xente nos pobos e hai máis equipos e máis deportes”.

Ademais, as instalacións da SD Oural son moi antigas, polo que Negrete considera que é unha necesidade melloralas. Por iso, este verán parte da directiva remangouse e arranxou parte da grada, pintando e facendo o mantemento do campo de fútbol, que é privado e está cedido á sociedade. “As instalacións teñen moitos anos e o que facemos son parches. A única solución sería reformalo ou facer un novo, pero ao ser privado non podemos optar a subvencións da Xunta para reformalo e construír un de cero custaría demasiado”, sentencia.
A HISTORIA E OS VALORES DA SD OURAL
O adestrador da SD Oural tomou o mando da SD Oural hai máis 12 anos, cando houbo un cambio de directiva, aínda que o club se fundou no ano 1983. Así, o adestrador daquela deixou o equipo e asumiu a tarefa Negrete, a pesar de que non tiña formación como adestrador. “Eu sabía de fútbol porque era xogador, pero non é o mesmo adestrar, polo que ao principio foi difícil e fun aprendendo de maneira autodidacta. Logo, fixen o ciclo de educación deportiva de fútbol en Monforte e, con coñecemento, todo mellorou moito, xa que souben transmitir o que quería que os xogadores entenderan. Ter xogado non che dá a base suficiente para adestrar”, explica.
Así, para el, o máis importante non é gañar, “aínda que iso o queremos todos, pero non a calquera prezo”. O adestrador sostén que a xente que veña a este club “ten que entender que é un club modesto e que o equipo está por enriba dos obxectivos persoais. Queremos que a xente siga e que se manteña”. Isto asegura a supervivencia do club, pero tamén da parroquia do Oural e toda a zona de Sarria, xa que, como sostén Jorge, “hai un gran problema de despoboamento rural. Cada vez hai menos xente no Oural e incluso este ano hai 5 xogadores extracomunitarios no equipo porque xa non hai tanta xente de aquí, e a que hai, é maior, nós por agora temos sorte, pero hai equipos de fútbol na nosa categoría de preto dos 50 anos e é un problema moi gordo porque parece que vaia chegar un momento non que non se poida manter e será inviable”.
"Os valores de esforzo, compañeirismo e resiliencia que se transmiten no campo valen para a vida"
Porén, a pesar desta mirada desanimada, hai outra de ilusión e de aposta forte polos equipos de fútbol da zona rural, xa que Negrete non perde as forzas e defende que seguirá guiando ao equipo, xa que, tal e como di, “é importante manter os equipos de fútbol nas parroquias porque os rapaces que viven aquí deben facer deporte e os valores que se transmiten neste deporte quedan toda a vida. Ademais, os meus amigos de toda a vida son os que fixen xogando ao fútbol e iso eu quero transmitirllo tamén ao meu fillo. Estes valores de esforzo, compañeirismo e resiliencia valen para a vida, e no ámbito rural, ademais, un equipo de fútbol no rural achega a cultura dos pobos aos rapaces. Eu nacín nunha aldea, crecín nunha aldea e xoguei no Oural, cando había moitísima xente e agora dáme que cada ano somos menos”, argumenta.
O MODELO SD OURAL
O adestrador defende que o modelo de equipo que se transmite na SD Oural consiste en poñer ao equipo como o protagonista, “xerando un grupo de xogadores fiable e que se identifique co club. O ano pasado había uns xogadores moi bos que marcharon e os que quedaron demostraron que o club non empeorou, senón ao contrario, polo que son todos moi necesarios”, explica.
Ademais, di que o equipo está formado por 22 xogadores, todos da canteira da SD Sarriana, polo que serve para que os futbolistas novos teñan unha oportunidade para seguir vinculados ao fútbol se non poden formar parte do primeiro equipo da Sarriana, que está en 3ª RFEF. “Non todos poden xogar en 3ª e os pais dos rapaces están moi contentos con nós polo trato humano que lles damos e polo amor que lles inculcamos polo fútbol, así como os valores que aprenden xogando. Nós temos un modelo de xogadores no que reforzamos as liñas frouxas pero tratamos de que sexan capaces de chegar ao que poidan eles. Nós defendemos ter canteira e que chegue a onde chegue, sen medir o nivel, tratando de facelo acorde ao deportivo; somos un equipo humilde”, sostén.
Porén, tamén fai unha crítica social argumentando que “antes había máis compromiso que agora, non só no deporte, senón na vida en xeral. Se esixes moito, a xente non che vai seguir. Antes a xente ía adestrar e competía doutra maneira e hoxe é distinto, eu vexo moita diferencia. Pero non é culpa dos pais ou do colexio, é a sociedade en xeral que cambia, que é máis cómoda, non hai esa capacidade de sacrificio e tampouco hai tolerancia á frustración. Por iso, eu valoro moito e busco perfís de xogadores que sexan persoas que teñan capacidade de sacrificio e esforzo, que non poña por diante as escusas e saiba saír adiante nunha situación complicada, que niso consiste a vida”, resalta.
Con todo, remata poñendo en valor o traballo do seu compañeiro adestrador, así como ao adestrador de porteiros e aos tres delegados que, xuntos, forman o corpo técnico do equipo; e fai unha mención especial ao traballo da directiva, xa que “levan traballando moito e hai que darlles visibilidade. Perden moito da súa vida persoal para pelexar para que o equipo siga aí. En total, somos 13 persoas da comarca de Sarria que traballamos moito pola SD Oural”, conclúe.