Carlos Rodríguez Otero, fillo de Santiago Rodríguez, vén de ser nomeado director de Música do St. Edmund College
Carlos Rodríguez Otero, fillo de Santiago Rodríguez, Fillo Adoptivo de Paradela, e neto do Fillo Predilecto Manuel Rodríguez López; vén de ser nomeado director de Música do St. Edmund College da Universidade de Oxford (Reino Unido), coñecido popularmente como “Teddy Hall”, que se considera a máis antiga sociedade para a educación de calquera Universidade.
Carlos Rodríguez participou como músico desde moi neno nos actos do Certame Literario paradelense, polo que desde o Concello de Paradela felicitóuselle e mostrou o seu orgullo polo vencello do destacado músico e musicólogo, ao que desexa os maiores éxitos, con Paradela.
O St. Edmund College dá gran importancia á música dentro da súa actividade, e Carlos Rodríguez terá, entre as súas responsabilidades centrais, a dirección do Coro da entidade, e o desenvolvemento dunha escena musical inclusiva e vibrante. O seu primeiro traballo consistirá na dirección da xira anual do coro á Abadía de Pontigny na Borgoña francesa o próximo mes de setembro.
BIOGRAFÍA. Nado en Santiago, medrou en Bristol onde estudou violín e piano. Foi profesor de coro no Queens’ College de Cambridge, e secretario laico tenor en St. John’s College, Cambridge, así como director de Fisher House Schola Cantorum, e de diversos proxectos corais e orquestrais en todo o Reino Unido.