Carmen José López considera "necesario avanzar en accións en favor da Veiguiña"

SarriaXa
O PP proporá no próximo pleno que o Concello de Sarria xestione, xunto coa CHMS, unha iniciativa coordinada para desenvolver un plan de rehabilitación desta área
Ponte-da-Veiguiña-Sarria
18 Dec 2024

A portavoz do Grupo Municipal Popular de Sarria, Carmen José López, considera "necesario avanzar en accións que rexeneren e poñan en valor a contorna da Veiguiña para o seu uso como espazo de encontro e lecer, respectando os usos e regulacións do dominio público hidráulico".

O PP expón isto tras o anuncio da finalización das obras de mellora do sistema de saneamento e a estación depuradora EDAR de Sarria.

López destaca que "desde o Grupo Municipal do Partido Popular mantemos unha oposición construtiva, orientada a mellorar a calidade de vida dos veciños e a ofrecer mellores infraestruturas e servizos". Neste sentido, propoñerán no próximo pleno que o Concello de Sarria xestione, xunto coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, unha iniciativa coordinada para desenvolver un plan de rehabilitación da área da Veiguiña.

A portavoz suxire que o plan debe incluír a restauración de áreas degradadas, a conservación da flora e fauna autóctonas, a creación de espazos accesibles con equipamento adecuado para o uso sostible da contorna como área natural de recreo, e a reparación da ponte. Sobre este último, indica que "a plataforma da ponte quedou danada durante o temporal e as inundacións de xaneiro de 2023, e aínda non se solucionou".

A zona da Veiguiña é unha área de gran valor natural e paisaxístico, un lugar emblemático valorado pola comunidade pola súa vexetación e características fluviais, que lle outorgan un potencial significativo para actividades ao aire libre e un uso sostible. Anteriormente, era coñecido como un lugar de esparexemento, e "ademais do seu valor natural, esta área ten un significado cultural e social como parte da identidade local", conclúe.

0.16069102287292