Carmen José López, en resposta ao alcalde: "Os feitos son os feitos"

SarriaXa
López sostén que o propio rexedor recoñeceu no último pleno que non enviara a documentación solicitada pola Consellería de Medio Rural
matadoiro-Sarria
6 Feb 2025

A portavoz do Partido Popular de Sarria, Carmen José López, respondeu ao alcalde, Claudio Garrido, de non tramitar a documentación necesaria para garantir o apoio da Xunta de Galicia ao servizo do matadoiro municipal: "Os feitos son os feitos".

López sostén que o propio rexedor recoñeceu no último pleno que non enviara a documentación solicitada pola Consellería de Medio Rural, o que está a dificultar a concreción do financiamento autonómico para este proxecto.

A representante popular explicou que “como calquera administración a calquera particular, a Xunta require ao Concello documentación para determinar as necesidades de financiamento do proxecto”. Ante esta situación, pídelle ao rexedor que “se poña a traballar” e que “non trate de confundir aos veciños e veciñas”.

Segundo López, esta non é a única xestión que se viu afectada pola falta de documentación. Apunta que a desafectación das antigas vivendas dos mestres tampouco pode levarse a cabo porque o Concello non respondeu aos requirimentos da administración autonómica. A portavoz do PP sostén que “o que fai Claudio Garrido é obstaculizar” ao presentar solicitudes sen cumprir cos requisitos administrativos esixidos.

López afirma que “todo indica que o alcalde non presenta a documentación completa porque non ten como obxectivo sacar adiante proxectos para Sarria, senón que o que pretende é obstaculizar e intentar botar as culpas da súa mala xestión a outros”.

Ademais, critica a situación económica do Concello, que atribúe á “falta de xestión e ao despilfarro” do actual goberno municipal.

0.17640590667725