Carmen López afirma que Garrido preside un goberno esgotado
“A cuestión de confianza presentada polo alcalde, Claudio Garrido, non fai máis que evidenciar que o de Camiña Sarria é un goberno esgotado antes de cumprirse un ano desde a súa elección”, segundo asegura Carmen José López, portavoz do Grupo Municipal do PP de Sarria.
“Un día di que a culpa é do Partido Popular, pero a realidade é que todos os grupos votaron en contra dun orzamento que non se sostén. Que ten que dicir agora? Segue sendo culpa do Partido Popular?”, se pregunta.
A popular cre que “esta estratexia para aprobar os orzamentos para pesar do rexeitamento de toda a oposición demostra un desprezo á legalidade e ao propio mandato das urnas”.
NULA CAPACIDADE DE DIÁLOGO
Así, os concelleiros populares lamentan “que a forma de gobernar de Garrido sexa sempre a imposición e a súa nula capacidade para o diálogo e a procura de acordos”.
De feito, “non lle pasa só co Partido Popular, xa que non foi capaz de sumar nin un só apoio que non sexa o dos seus propios concelleiros, aos que está a empuxar a apoiar un orzamento que, segundo os propios informes técnicos, non cumpre os principios aplicables e parte de estimacións falsas, loxicamente coa clara finalidade de enmascarar a realidade financeira do municipio”, engade.
López cre que “se non cambia e asume dunha vez que está en minoría e que debe buscar apoios vai ser unha lexislatura complicada. Gobernar en minoría require capacidade de diálogo, altitude de miras e apertura cara ás achegas alleas e polo que parece Garrido carece destas facultades”, afirma.
GOBERNO ESGOTADO
A vontade de construír e sumar non caracterizan a este goberno, que está a abocar a Sarria ao endebedamento e a un malgaste sen límites.
Garrido pasará á historia de Sarria por ser o primeiro en ir a unha moción de confianza pola súa negativa para negociar e a atender as recomendacións de intervención. É moi triste, é irresponsable e ademais demostra, unha vez máis, que o futuro de Sarria non lle importa, unicamente está a tentar aguantar o maior tempo posible e manter custe o que custe un goberno que evidencia estar esgotado, aínda sen alcanzar o primeiro ano de mandato.