Case 600.000 euros dedicados a mellorar vías municipais en Sarria

SarriaXa
O Concello de Sarria, coa colaboración económica da Xunta e da Deputación de Lugo, arranxará diferentes accesos a núcleos de poboación no municipio
sarria-estrada-
20 Aug 2024

O Concello de Sarria vén de sacar a licitación obras por valor de 580.494 euros para mellorar vías municipais, que serán cofinanciadas pola Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.

Desta maneira, as obras estarán divididas en tres actuacións. A primeira será un plan de mellora de camiños rurais de zonas de concentración parcelaria, que será financiado pola Consellería de Medio Rural cun valor de 132.603 euros e polo Concello, que aportará 27.846. A través desta actuación, acondicionaranse os accesos entre Río e O Currial, en Zanfoga; e de Penagache a Airexe; na parroquia de Maside.

A segunda actuación será para a mellora de camiños rurais, financiada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural con 94.294 euros, mentres que o Conceello de Sarria porá 30.646 euros. Neste caso, melloraranse os accesos a Vilarello, nun de Lamas, os da Pena e Vilaesteva desde a estrada LU-P-5703 e a igrexa de Vilanova.

Con respecto á terceira actuación, esta acollerá a mellora de 19 accesos a través dos fondos do plan Deputación, polo que a entidade provincial aportará 275.000 euros, mentres que o concello asumirá 20.103 euros. Con estes cartos, melloraranse os accesos entre O Carballal e Castelo dos Infantes, de Vilasante á igrexa de Fontao, Regueiro (Fontao), Ribeira (Vilarrairo), no Piñeiro (Corvelle), de Vigo de Sarria a O Castro dos Petos, entre Fafián e As Aceas, a Taíde, na escola da Pinza, o acceso ao núcleo de Couso, desde Maside a Ponte de Santalla, entre o cemiterio de Chorente e a pista de Vilamaior, desde o campo de fútbol a Chorente, o acceso á igrexa de Nespereira, no núcleo de Abeledo, a San Fiz de Vilapedre, a Fondo do Agro (Lamas), desde Guitián ao Calvario e San Pedro, e a Castelo de Loureiro desde a estrada LU-P-5711.

Estes traballos consistirán no barrido do firme, cubrir as fochancas e o triplo rego asfáltico para mellorar a calidade das estradas tanto para os vehículos como para os peóns.

0.15579581260681