Catorce veciñas e veciños do Incio aprenderon a elaborar cestas de vimbio
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achegou ao Concello do Incio unha formación centrada na elaboración de cestería, da man da Asociación As Cavarcas do Incio.
Na iniciativa, 14 veciñas e veciños da localidade aprenderon a elaborar cestas de vimbio coa artesá Beatriz Valín. Posteriormente mantivéronse expostos os traballos.
Dende a asociación destacan a importancia de que a institución provincial, a través da área de Artesanía, achegue estas iniciativas para dar a coñecer as tradicións ao tempo que se dinamiza o rural.
Tamén destacan a importancia desta formación que a partir dos vindeiros meses reunirá a un grupo de participantes mensualmente para continuar o traballo artesanal.
Pola súa banda, a Vicepresidencia provincial enmarca esta iniciativa no apoio ao tecido asociativo da provincia. Á formación en cestería súmase ao programa que a área de Rural desenvolve ao longo do ano xunto ás Cavarcas do Incio para o aproveitamento produtivo do monte e a conservación do patrimonio cultural. Deste xeito, no mes de maio levouse tamén a cabo unha xornada de cultivo de cogumelos en distintos medios impartida pola Sociedade Micolóxica Lucus.