Catro profesionais impartirán o segundo curso formativo da Banda de Música da Comarca de Sarria

SarriaXa
O curso culminará cun concerto final aberto ao público, que se celebrará o domingo 16 ás 12.30 horas na carpa situada diante da Casa do Concello de Triacastela
Obradoiro-Cana-Simple-Triacastela-Banda-de-Música-Comarca-de-Sarria2
13 Mar 2025

A Banda de Música da Comarca de Sarria (BMCS) organiza un novo curso formativo dirixido a clarinetistas e saxofonistas, coa finalidade de traballar e reforzar contidos musicais, especialmente pensados para músicos integrantes de bandas de música.

A iniciativa terá lugar os días 14, 15 e 16 de marzo na localidade de Triacastela, consolidándose como unha nova aposta da BMCS pola formación musical de calidade.

O curso está deseñado para fomentar a mellora das seccións de cana simple nas bandas galegas, a través dun repertorio escollido coidadosamente para garantir o interese e a utilidade para os participantes. A formación desenvolverase mediante a creación de diversos grupos instrumentais, co obxectivo de elevar o nivel musical individual e colectivo.

A actividade tamén busca favorecer a convivencia entre os asistentes durante os tres días de duración do curso, ofrecéndolles ao mesmo tempo a oportunidade de coñecer a riqueza paisaxística, etnográfica e climática da montaña lucense.

O colexio Eduardo Cela Vila, situado no núcleo urbano de Triacastela, acollerá as clases e ensaios, mentres que o Complexo Xacobeo será o espazo destinado ao aloxamento e manutención do alumnado.

O curso culminará cun concerto final aberto ao público, que se celebrará o domingo 16 ás 12.30 horas na carpa situada diante da Casa do Concello de Triacastela. No caso de condicións meteorolóxicas adversas, o evento trasladarase ao polideportivo do propio colexio.

A actividade está orientada a músicos de cana simple, desde os 8 anos de idade, e especialmente dirixida a integrantes de bandas de música da provincia. A formación será impartida por unha destacada plantilla de profesorado lucense, integrada por:

  • Claudia Rico (Lugo): saxofonista con Grao Superior de Saxofón polo Conservatorio Superior de Música das Illas Baleares.
  • Carlos Timiraos (Viveiro): clarinetista con Grao Superior de Clarinete polo Conservatorio Superior de Música Eduardo Martínez Torner de Oviedo.
  • Manuel Montero (Sarria): clarinetista co mesmo título e conservatorio que o anterior.
  • Adrián Balboa (Triacastela): clarinetista co Grao Superior de Clarinete pola Escola Superior de Música de Catalunya.

O curso conta cun máximo de 40 prazas, que se van cubrindo por orde de inscrición. Aínda que o prazo xa está oficialmente pechado, aínda quedan algunhas prazas dispoñibles, polo que as persoas interesadas poden contactar cos organizadores a través dos teléfonos 615 64 38 75 (Adrián) ou 680 74 97 52 (Manuel), ou no correo electrónico info@bmcomarcadesarria.com. A actividade inclúe seguro de accidentes proporcionado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares.

Este obradoiro forma parte do programa formativo da BMCS, que vén de realizar outras dúas iniciativas destacadas: unha primeira edición deste mesmo curso en abril de 2024, con máis de 30 participantes, e o I Obradoiro de Dirección de Banda, celebrado o pasado mes de febreiro. Con estas propostas, a banda reafirma o seu compromiso coa formación continua e coa mellora do rendemento musical nas bandas populares de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.52770113945007