Celébrase o I Open do Camiño, vila de Sarria o vindeiro 9 de novembro
A Escola de Taekwondo de Sarria xunto co Concello de Sarria organizan a primeira competición de taekwondo relacionada co Camiño de Santiago baixo o nome de I Open do Camiño, vila de Sarria.
Álex Losada, competidor de taekwondo recoñecido a nivel internacional, que está á cabeza da AC Taekwondo Sarria, sostén que se está a traballar “moito e con moitas ganas para que saia ben esta competición”.
Así, coa axuda dos pais e nais dos nenos e nenas que forman parte da escola de taekwondo e do Concello de Sarria, o vindeiro sábado, 9 de novembro, o pavillón José Mario Gonzalez do Chanto acollerá a iniciativa.
“Quero agradecer a implicación e disposición do Goberno local, xa que asume unha parte económica importante conxuntamente coa escola para poder desenvolver este evento que será un evento deportivo que atraerá moitísimas persoas a Sarria durante esa fin de semana”, argumenta Losada.
Desta maneira, explica, os obxectivos desta iniciativa son dar a coñecer o taekwondo en Sarria, así como dar a coñecer o Camiño de Santiago aos deportistas profesionais que virán participar nela, xa que é “unha competición orientada á formación e desenvolvemento de competidores, desde os máis pequenos de 5 anos ata os maiores de 16”, destaca.
IMPORTANCIA DO EVENTO
Durante o evento deportivo, que comezará ás 09.00 hora e rematará, dependendo da participación, a última hora da tarde, os nenos, rapaces e adultos que participen non estarán divididos por idades e categorías, senón que competirán contra persoas que leven o mesmo tempo que eles competindo, “favorecendo a aprendizaxe e a competición xusta entre eles e tamén un carácter lúdico, para que os nenos se divirtan formándose”, sostén o adestrador.
Desta maneira, explica, “presentamos un formato de competición de 1 contra 1 cun sistema de bandeiras, polo que os árbitros deciden que bandeira-neno gaña cada enfrontamento. Intentaremos que sexa unha competición entretida e que o público desfrute do evento xunto cos profesionais”.
Ademais, destaca que a categoría Open inclúe unha categoría de junior (15-17 anos) e de senior (18-30 anos) de alto nivel, na que se espera a participación de profesionais do taekwondo que sexan campións de España, medallitas... “Eu, ao estar competindo a nivel internacional, teño moitos contactos e quero traer competidores de moito nivel para que fagan unha demostración do nivel ao que se pode chegar; é dicir, mostrarase a evolución desde os máis pequenos ata os profesionais máis maiores”.
Isto, explica, encádrase no marco de que o 30 de novembro, tres semanas despois da celebración do evento, terá lugar o Mundial de Hong Kong, no que participará Álex Losada, promotor do evento.
FOMENTAR A PARTICIPACIÓN
Álex Losada di que desde o club se mandarán invitacións a clubes de Galicia e de fóra de Galicia, xa que a intención é que o campionato teña unha participación moi alta. Desde o propio club de Sarria irán arredor de 60 participantes, do club Neka de Monforte tamén... Non pode dar cifras exactas, pero o adestrador espera alcanzar a cifra que manexa a Federación Galega de Taekwondo cando celebra a Copa Xunta de Galicia en fase autonómica, na que adoitan chegar ás 500 persoas participantes. “Se nós puidéramos chegar a esas cifras, sería incrible”, recoñece.
Ademais, destaca que este evento servirá para poñer en valor non só o taekwondo e o deporte, senón tamén poñer no mapa Sarria, “que a xente doutros lugares teña esta cita marcada no calendario cada ano e veña visitar esta vila e coñeza o que ofrece e a súa relación do Camiño de Santiago. E que, se un día queren facelo, se animen a facelo”, destaca.
Isto tamén promove a creación de emprego e a mellorar a economía da vila, xa que virá xente de lonxe e quedarán a fin de semana coñecendo a vila, consumindo nos restaurantes e bares e aloxándose nos hoteis da vila. “Xa que o Concello e as súas xentes se involucran para facer isto posible, nós tamén queremos ser agradecidos e que reciban algo a cambio e toda Sarria se beneficie”, conclúe Álex.