Aínda está aberto o prazo de inscrición para o I Open do Camiño Vila de Sarria
A Escola de Taekwondo de Sarria e o Concello de Sarria organizan a primeira competición de taekwondo relacionada co Camiño de Santiago baixo o nome de I Open do Camiño Vila de Sarria e o prazo de inscrición remata este venres, 25 de outubro.
A iniciativa deportiva desenvolverase o vindeiro sábado, 9 de novembro, no pavillón José Mario Gonzalez do Chanto, onde competirán profesionais do taekwondo desde os 5 anos a maiores de 16 nun evento que ten como obxectivo dar a coñecer o taekwondo, pero tamén a vila de Sarria.
Durante o evento deportivo, que comezará ás 09.00 horas e rematará, dependendo da participación, a última hora da tarde, os nenos, rapaces e adultos que participen non estarán divididos por idades e categorías, senón que competirán contra persoas que leven o mesmo tempo que eles competindo, “favorecendo a aprendizaxe e a competición xusta entre eles e tamén un carácter lúdico, para que os nenos se divirtan formándose”, sostén o adestrador.
Desta maneira, explica, “presentamos un formato de competición de 1 contra 1 cun sistema de bandeiras, polo que os árbitros deciden que bandeira-neno gaña cada enfrontamento. Intentaremos que sexa unha competición entretida e que o público desfrute do evento xunto cos profesionais”.
Ademais, destaca que a categoría Open inclúe unha categoría de junior (15-17 anos) e de senior (18-30 anos) de alto nivel, na que se espera a participación de profesionais do taekwondo que sexan campións de España, medallitas...
“Eu, ao estar competindo a nivel internacional, teño moitos contactos e quero traer competidores de moito nivel para que fagan unha demostración do nivel ao que se pode chegar; é dicir, mostrarase a evolución desde os máis pequenos ata os profesionais máis maiores”, destaca Álex Losada, adestrador da AC Taekwondo.