Centos de persoas achegáronse esta fin de semana a Samos para desfrutar da XII Ruta de Tapas
A XII Ruta de Tapas de Samos que tivo lugar esta fin de semana, promovida pola Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos e coa colaboración do Concello foi todo un éxito.
Centos de persoas achegáronse ao municipio samanense para desfrutar das tapas que se lles ofreceron en seis establecementos locais: Cantina de Renche, Hotel Restaurante A Veiga, Tras do Convento Bar-Restaurante, Mesón Pontenova, Restaurante Albaroque e Parrilada Castro.
Así, durante dous días, tanto veciños e veciñas como turistas e curiosos asistiron a un dos eventos máis importantes do municipio a nivel turístico, gastronómico e de promoción do local, no que ademais actuou un músico local.
Jose, o presidente da asociación defendeu que “todo saíu moi ben, houbo moita afluencia de xente e estamos moi contentos”. Tanta foi a afluencia de xente que o sábado xa ao mediodía deran 200 tapas nun só bar. Porén, Jose tamén di que “o tempo fi malísimo, o que non impediu que viñera moita xente porque é unha gran tradición, pero se estivese mellor o tempo, virían máis”.
Por último, concluíu que “todas as edicións son boas, como a anterior, pero isto vai a máis e nótase pola cantidade de xente que veu este ano”.