Armea de Arriba e Vigo de Gallegos celebran as festas patronais con música, churrascada e verbena

As localidades de Armea de Arriba e Vigo de Gallegos, no concello de Láncara, celebrarán os vindeiros días 2, 3 e 4 de agosto as súas tradicionais festas na honra a San Pedro e Santa Mariña, cun amplo programa de actividades que mestura gastronomía, música e tradición.
A programación comezará o sábado 2 de agosto cunha churrascada popular a partir das 22:00 horas, que estará amenizada polo Trío Pedriñas. O domingo 3 de agosto celebrarase a misa solemne ás 13:30 horas, seguida dunha sesión vermú coa orquestra Alma Latina, que tamén participará pola noite na verbena xunto coa orquestra Super Top.
O luns 4 de agosto repetirase o esquema co oficio relixioso ás 13:30 horas e a sesión vermú a cargo do Trío Merengue. Xa pola noite, a verbena contará coas actuacións do propio Trío Merengue e da orquestra Costa Dorada, pechando así tres xornadas festivas que buscan reunir á veciñanza e visitantes ao redor da música e a tradición.
A organización corre a cargo da Asociación de Veciños de Armea de Arriba e Vigo de Gallegos, coa colaboración de empresas locais.