Chega a Sarria o Círculo Galego de Teatro Amador 2022
O Círculo Galego de Teatro Amador chega este ano a Sarria coa representación de catro obras de teatro na Casa da Cultura do municipio.
Da man da Federación Galega de Teatro Afeccionado e para tódolos públicos, o vindeiro domingo 13 de novembro ás 19.30 horas poderase desfrutar da obra Get Back, da Compañía Porta Aberta Teatro.
Con esta obra, amósase como un feito casual e anecdótico pode influír nas vidas dunhas persoas ata cambialas por completo. Ambientada no Londres do século XXI, a acción desencadéase a raíz da parada temporal do metro da liña Bakerloo, circunstancia que da lugar a unha viaxe ó pasado das personaxes. Unha mirada no seu interior a situacións que desexan cambiar pero non o conseguen. Deste modo, o destino permite ós protagonistas que poidan rectificar os erros do seu pasado.
As vindeiras representacións do Círculo Galego de Teatro Amador terán lugar os domingos 20 de novembro da man de Rebuldeira Teatro (coa obra Fráxiles) e o 27 ás 19.30 horas da man de Fauna 113 (que representará a obra Os Veciños do Lado).