Chus López, alcaldesa de Samos: “O traballo feito desde o Concello é visible e valioso para a veciñanza”

SarriaXa
A alcaldesa de Samos, Chus López, destaca a recuperación da vida cultural, o apoio á conciliación e a eficiencia na xestión municipal
Chus-alcaldesa-Samos
10 Aug 2025

Jessica Fernández

A alcaldesa de Samos, Chus López, fixo balance dos dous primeiros anos de lexislatura cunha valoración positiva das actuacións levadas a cabo, subliñando o impulso dado á vida cultural, á conciliación familiar e á mellora das infraestruturas, todo iso cunha xestión marcada pola eficiencia e o aproveitamento dos recursos municipais.

A rexedora explicou que un dos grandes obxectivos foi devolverlle dinamismo cultural ao concello. Neste sentido, destacou a recuperación de celebracións tradicionais como as festas patronais, a Feira de Artesanía, o Magosto ou o Entroido, así como a incorporación de novas propostas como os cantos de taberna ou actividades semanais como cursos de manualidades, clases de zumba, música tradicional ou bailes de salón. Ademais, organizaron numerosos eventos culturais puntuais, entre os que se inclúen funcións de teatro, concertos musicais, actuacións de corais e bandas. “Tamén se recuperou a feira, celebrándose os días 4 con pulpería, que levaba máis de medio século sen celebrarse e agora ten moitísimo éxito”, afirmou.

En canto á xestión económica, a rexedora asegurou que o goberno local realizou un gran esforzo para optimizar os fondos dispoñibles, sinalando que “o orzamento é moi axustado e buscamos gastar cada euro eficientemente, non malgastamos, intentamos sacarlle partido a cada euro”. Explicou tamén que se tomaron medidas para reducir comisións bancarias e mellorar a rendibilidade das contas municipais, ao tempo que se traballou en facilitar os trámites ás empresas, negocios, autónomos, gandeiros, etc., así como a veciñanza en xeral, escoitándoos e acompañándoos no seu día a día.

No ámbito educativo, puxo o foco na importancia das políticas de conciliación, que se viron reforzadas durante este mandato coa solicitude de subvencións para este fin. “Conseguimos poñer en marcha o servizo de conciliación e de Madrugadores no CEIP”, explicou. Destacou tamén o traballo conxunto coa ANPA e co centro educativo, así como os avances en melloras para a infancia como a creación dun novo parque, a instalación de bancais para a horta escolar ou dun parral, ademais da inclusión dos nenos na programación das festas cunha oferta específica pensada para eles.

En materia de infraestruturas, sinalou que se deron resposta a demandas veciñais históricas en poucos meses, apostando por solucións eficaces e prácticas. “Somos de traballar duro e de escoitar aos veciños, de colaborar coas asociacións e co equipo educativo”, asegurou. Neste eido, mencionou obras de mantemento que contribuíron a mellorar a estética xeral de Samos e a restauración e recuperación do Roteiro de Fiz Vergara e das esculturas que nel se poden desfrutar, así como a creación dunha ruta circular en Samos polo Carballal, ademais da posta en valor do Castro de Formigueiros e da Necrópole de Santa Mariña, actuación que se acaba de adxudicar. Ademais, apostouse por poñer en valor, non só o Camiño Francés, se non toda a riqueza do concello e “priorizamos recuperar rutas e facer actividades para dar a coñecer a zona con excursións guiadas e así mostrar todos os enclaves paisaxísticos do municipio, que son moitos”, destaca.

Tamén se fixo con axuda da Deputación a adquisición dun segundo tractor, dunha desbrozadora, dunha coitela quita neves e unha mini pa, e púxose en valor a fórmula de execución por administración, que permite, segundo a alcaldesa, facer máis cousas con menos investimento.

Finalmente, puxo en valor a posta en marcha dun obradoiro dual de emprego, en colaboración cos concellos de Láncara e Paradela, que supón para a alcaldesa de Samos, un dos logros máis salientables do último ano. A rexedora sinala que conseguir este proxecto non foi doado, pero foi todo un éxito. Entre os traballos realizados destaca a mellora do campo da festa, o acondicionamento de xardineiras no pobo, a recuperación da horta da Botica e da zona diante do mosteiro e da praza Vergara Vilariño, así como a renovación integral da contorna da piscina municipal. Neste espazo cambiouse o sistema de rego, renovouse o céspede e a vexetación, colocáronse bancos e mesas da canteira de Samos e instalouse unha nova valla para separar a piscina dun campo deportivo adxacente. Ese campo, que ata agora só se abría en tempada de piscina, pasará a estar dispoñible para uso libre durante todo o ano. “Estaba infrautilizado e agora calquera persoa poderá utilizalo sempre que queira”, indicou a alcaldesa.

OS PROXECTOS

Tamén avanzou os principais retos que o equipo de goberno se marca para a segunda metade da lexislatura, centrados en mellorar as instalacións deportivas, avanzar na eficiencia enerxética e impulsar novos proxectos culturais e sociais no municipio.

Así, un dos grandes obxectivos será a reforma integral do pavillón de deportes, unha infraestrutura que, segundo recoñece a rexedora, presenta un estado de deterioro que require unha actuación. “Xa se foron facendo reparacións, pero agora queremos reformalo de verdade”, sinala. A intervención prevista inclúe a substitución do teito, a creación dunha nova entrada accesible cunha rampla, a habilitación dunha entrada lateral que permita o acceso dunha furgoneta ou ambulancia, a mellora da iluminación e a renovación completa dos vestiarios, das gradas e das zonas de almacenamento e pista. Ademais, o proxecto contempla a instalación de placas fotovoltaicas para “reducir o custo eléctrico do concello”, apostando por un modelo máis sostible e eficiente.

No eido cultural, López anunciou a intención de editar o Tombo de Samos, un documento de gran valor patrimonial para o municipio, que se pretende publicar coa colaboración da Deputación de Lugo. En paralelo, está previsto acondicionar un dos baixos situado no edificio das vivendas comunitarias, para habilitalo como local social, un espazo que, segundo a alcaldesa, permitirá ofrecer novas actividades e dar resposta a necesidades veciñais de convivencia e dinamización. Ademais, sostivo que a través do GDR Ribeira Sacra – Courel, farase un estudo sobre a Arqueoloxía de Samos, dándolle un soporte dixital, para dala a coñecer, e logo complementarase coa mitoloxía do municipio, para complementar o traballo de información e difusión iniciado coa web  QRSamos e cos QRs que hai instalados en diferentes enclaves do municipio.

Outro dos puntos estratéxicos para esta segunda etapa da lexislatura será realizar unha análise e avaliación do sistema eléctrico municipal e mellorar a eficiencia enerxética a través de subvencións con vistas a renovar a iluminación e a calefacción dos edificios municipais. O obxectivo, segundo explicou, é “reducir consumos e facer máis eficiente o concello, axustando os gastos e os consumos”.

Por último, López destaca o Plan Básico Municipal (PBM), unha ferramenta urbanística que, segundo explica, resulta imprescindible para garantir o desenvolvemento do territorio e permitir que a veciñanza poida asentarse en máis lugares do municipio. Ata agora, a normativa urbanística só permitía construír en dúas zonas concretas, o que limitaba as posibilidades de fixar poboación. A rexedora confía en que o PBM poida estar implementado no que queda de lexislatura.

O RESTO DA LEXISLATURA

Ás portas da segunda metade do mandato, Chus López amosa confianza en que o esforzo realizado polo equipo de goberno será recoñecido pola cidadanía nas eleccións municipais que se celebrarán en 2027. A rexedora considera que o traballo feito desde o Concello é “visible e valioso” para a veciñanza, e destaca a capacidade de recuperación e dinamización do municipio tras anos de inercia e perda de actividade. Así, insiste en que a base da súa acción política é a proximidade co pobo, a escoita activa das súas necesidades e a vontade de ofrecer solucións reais. “Temos moita conciencia e cariño ao municipio e aos veciños, intentamos escoitar e solventar os problemas”, engadiu, destacando que queren que a xente os vexa “como a un amigo, non como alguén que pon problemas”.

Neste caso, pon o exemplo da Xunta, á que acusa de non asumir ás súas competencias, sinalando que programas como o Servizo de Axuda no Fogar ou a atención nas vivendas comunitarias, fundamentais nun concello cunha elevada porcentaxe de poboación maior, “deberían estar financiados integramente pola administración autonómica, pero “facémonos cargo nós coa dificultade engadida de xestionar estes servizos desde un concello pequeno, con recursos limitados e dispersión xeográfica”. Esta situación, sostén, “afoga aos pequenos concellos” e impide dedicar máis recursos ás competencias propias da administración local. Ademais, tamén se referiu á actitude da oposición, da que lamenta a falta de espírito construtivo e a utilización da mentira como ferramenta política e “non é leal cos veciños”. Por iso, reclamou unha oposición que “non minta e sexa construtiva”, ao servizo do interese común.

Mentres, destaca que no seu equipo sempre están abertos a recibir suxestións e a mellorar, polo que mira cara ao seu traballo e pon en valor recuperación da vida social e cultural de Samos, que considera que tivo un impacto directo na economía local. Nesta liña, subliñou que desde o goberno local “acompañamos e facilitamos que se asenten”, ofrecendo apoio constante. “Eu creo que os veciños están agradecidos e iso verase reflexado nas eleccións”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.080713987350464