Chus López, alcaldesa de Samos: "Temos que seguir traballando día a día para mellorar o noso Concello"
Por Jessica Fernández
A primeira alcaldesa de Samos, como se leva a responsabilidade?
Sendo consciente de que é unha gran responsabilidade, pero lévoa ben. Se ben é certo que lle dedico moito tempo e esforzo, leva moito traballo. Tamén teño que dicir que é moi reconfortante e gratificante ver que podes mellorar a vida da veciñanza, mellorar o municipio e conseguir poñer en valor o seu potencial.
Como foi o primeiro ano de Goberno?
Na miña opinión foi moi ben, traballamos moi duro, víronse en poucas semanas os resultados e se seguen vendo… Recuperáronse moitas festividades que levaban moitos anos sen facerse e incorporáronse novas, como Cantos de Taberna, Magosto... co que se promocionan os nosos produtos e axúdase aos negocios locais.
Por outra parte, agora o concello está moito máis limpo e coidado e isto é fundamental para seguir levando a cabo o labor de promoción e favorecer o turismo, que repercute na economía do Concello. Apostamos polo produto km0 e procúranse mercar nos negocios locais.
Outro gran logro é facilitar a conciliación, este ano conseguiuse ter o servizo de madrugadores e actividades de tarde no colexio parar facilitar ás familias o compatibilizar o traballo coa crianza. A mellora en servizos, ademais do arranxo de pistas prioritarias e en moi mal estado dende hai moitos anos, estase axilizando, e tamén facilitando moitos trámites que poden ser moi beneficiosos para a veciñanza, como é o servizo para poder facer a declaración da renda, poñer o punto de información do catastro, favorecer a instalación de fibra e intentar mellorar a cobertura, a transparencia e información na nosa web e redes, así como revisar e mirar polos intereses da veciñanza co plan básico municipal.
Cales son as accións máis destacadas do Goberno?
Destacaría moitas, como foi axudar a recuperar festas e ter oferta cultural. É moi importante sinalar tamén que conseguimos abrir os espazos á veciñanza e a oferta cultural e de actividades, como son a antiga biblioteca, que acolleu diferentes actividades, así como se están a recuperar os libros e buscándolles unha nova localización nunha sala no Concello para que a veciñanza poida ter de novo acceso a eles.
Ademais, o multiusos acolleu clases de manualidades, teatro e charlas, así como o pavillón, que ademais de acoller fútbol sala, empezou a ter clases de zumba e vai albergar o campo de voluntariado.
Por outro lado, acondicionouse a zona cuberta do campo da festa, púxose en valor o reloxo antigo da Torre do Reloxo. Tamén se inaugurou a praza, á cal se lle puxo o nome de Vergara Vilariño, dándolle por fin o seu espazo ao poeta Fiz e coa sorte de que se inaugurou ese mesmo día o museo etnográfico de Pío. Fixéronse melloras no entorno, a renovación de paneis informativos, a limpeza de beirarrúas e do río, a mellora de iluminación, o acondicionamento de xardineiras, poñendo plantas na área recreativa de Teiguín e a retirada de barreiras de obra que levaban meses.
Outro logro primordial é que conseguimos por primeira vez o servizo de conciliación, que cubre mañás, tardes e numerosas actividades. Para nós é básico ter unha colaboración continua coa Anpa e o colexio, pois é una prioridade o asentamento de poboación, e é un pilar para o noso concello, os nosos e nenas e as familias. Tamén quero resaltar o gran traballo que se fixo de transparencia e información, pois fixéronse moitas melloras na páxina web, actualizando a información e colgando as actas dos plenos; e ademais abríronse as redes sociais.
Dedicamos moito esforzo tamén a estar presentes e visibilizar e promover Samos da man do GDR, con actividades promocionais que se trouxeron a Samos da man da Deputación, da Mancomunidade do Camiño e un largo etc. Reforzouse o apoio ao deporte, non só ao torneo de fútbol sala, senón tamén o deporte individual e tamén o infantil.
Tamén pedimos a subvención para o amaño da pista de Portela, e fixémolo en menos de dous meses, algo que se levaba reclamando máis de 10 anos; e tamén firmamos coa Deputación de Lugo un convenio para mercar maquinaria.
En definitiva, un traballo arduo para aproveitar cada oportunidade que se presente a Samos, para ter presencia, para sacar partido a súa potencialidade, facer todo o posible para mellorar os servizos, ter máis oferta, máis vida, ter unha mellora continua como veciñanza e como Concello, sendo o máis eficientes posibles cos recursos que temos e que podemos conseguir.
Como son as relacións cos concelleiros da oposición?
Poderían ser mellores, pois non compartimos a maneira de traballar nin actuar. Gustaríanos que foran una oposición construtiva que aportara, pero máis ben é o contrario e a súa maneira de actuar denosta a política. Deberían propoñer con coherencia, actuar de maneira limpa e coa verdade, traballar de verdade para o concello e non sola, e exclusivamente, para os seus intereses.
Cales son as principais necesidades do concello e que propoñen para cubrilas?
As principais necesidades son orzamentarias e o que propoñemos sería non ter que asumir economicamente competencias impropias, que lastran gravemente as nosas arcas.
Precisaríamos que nos pagaran o 100 % do que custa o Servizo de Axuda o Fogar, das vivendas comunitarias, os gastos do centro de saúde, do colexio, do rexistro civil e xulgado de paz, de servizos sociais, etc. Ese diñeiro daríanos unha marxe moi necesaria para nós, xa que somos un concello pequeno pero extenso, de montaña, con pouca industria, con moita poboación maior.
Cales son os proxectos de futuro nos vindeiros tres anos de lexislatura?
Seguir traballando duro para aproveitar cada oportunidade que se presente, conseguir o máximo posible, ter presenza como municipio alí onde nos beneficie e seguir loitando por conseguir mellorar a vida da veciñanza e o Concello.
Temos moito traballo por diante: arranxo de vías, acondicionamento de locais, mellora da eficiencia enerxética, mellora de comunicacións e cobertura, promoción e traballo con negocios, empresas, produtores, etc. que xa vimos facendo e debe de seguir para conseguir asentar traballo, e con el poboación. Temos que seguir traballando día a día para mellorar o noso Concello.