Chus López desminte as acusacións da oposición e defende que se está axilizando o proceso para cubrir o SAF
A alcaldesa de Samos, Chus López, desminte as acusacións do Partido Popular de Samos, que di que faltan por cubrir horas de asistencia a domicilio de persoas maiores das parroquias de Castroncán, O Mesón e Montán; argumentando que aínda se está a finalizar o proceso de contratación de persoal para SAF e vivendas comunitarias para cubrir vacacións.
Así, a alcaldesa defende que están intentando axilizar o proceso "o máximo que podemos, pero iniciouse co anterior goberno e non se fixo con suficiente antelación", explican, referíndose a Julio Gallego, pai do actual representante da oposición, Miguel Gallego.
Pola súa parte, Gallego anunciou que solicitarán á Xunta de Galicia "que controle como se está a prestar este servizo á dependencia en Samos, para que non caia na desidia e no ‘dá igual’ como se comeza a ver estes días”. E engade que “os concellos reciben unha subvención da Xunta de Galicia e teñen a obriga de prestar o servizo que ata agora se estaba cumprindo sen demora día a día”.
Chus López argumenta que durante estes días estaban intentando cubrir o servizo a través dunha con empresa externa, pero ao non ter persoal dispoñible, "cubriuse con empregadas propias, polo que non quedou ninguén sen atender; e se alguén ten a responsabilidade de non ter ben planificado e organizado os calendarios do SAF é Gallego, que era o que dirixía o municipio hai unha semana", sentenciou.