Chuvia de ouros para os deportistas no Open Internacional de España

SarriaXa
O equipo pechou a tempada en Valladolid cunha colleita de medallas e os primeiros puntos para o Mundial de 2026 en Corea do Sur
AC-Taekwondo-Sarria-open-espana-2025
2 Jun 2025

O Open Internacional de España, celebrado en Valladolid, puxo o ramo á tempada 2024/2025 de competicións cun balance máis que positivo para os representantes da comarca, que regresan cun botín de catro medallas de ouro e excelentes posicións nas finais.

Na categoría de trío cadete masculino, Brais Lombardero acadou o primeiro posto xunto aos seus compañeiros de selección Moisés (de Sada) e Julien (de Betanzos), demostrando un altísimo nivel competitivo.

Na categoría júnior, Mateo Fernández tamén subiu ao máis alto do podio formando parte do trío DSA, xunto con Guillem (de Castela-A Mancha) e Alberto (de Madrid). Un resultado que consolida a súa progresión na disciplina.

O recoñecido adestrador Álex tamén tivo un papel protagonista: gañou o ouro tanto na modalidade individual sénior 1 como no trío 1 masculino, formando equipo con Marcos e Carlitos, compañeiros do club NEKA. Dobre premio para o técnico que leva anos formando a nova xeración de taekwondistas.

Ademais, tanto Mateo como Brais lograron clasificarse para as finais das súas respectivas categorías, situándose entre os oito mellores, aínda que nesta ocasión non conseguiron subir ao podio. Porén, todo apunta a que as medallas non tardarán en volver chegar.

Estes magníficos resultados permítenlles sumar os primeiros puntos da nova clasificación nacional, clave para a clasificación ao Campionato do Mundo de 2026, que se celebrará en Corea do Sur, berce do taekwondo.

⚙ Configurar cookies
0.15463709831238