Cibercarracho, elixida Palabra do Ano 2023 pola Real Academia Galega

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O lema ciberdelicuente figura dende hai un tempo no dicionario en liña da Real Academia Galega para designar a persoa que comete un acto delituoso por medio das tecnoloxías da información e da comunicación, pero a inventiva para sensibilizar sobre o problema dos ciberataques e outros delitos informáticos creou nos últimos meses un neoloxismo de rexistro coloquial que tira do humor para gañar eficacia neste desafío: cibercarracho, -a.
27 Dec 2023

O lema ciberdelicuente figura dende hai un tempo no dicionario en liña da Real Academia Galega para designar a persoa que comete un acto delituoso por medio das tecnoloxías da información e da comunicación, pero a inventiva para sensibilizar sobre o problema dos ciberataques e outros delitos informáticos creou nos últimos meses un neoloxismo de rexistro coloquial que tira do humor para gañar eficacia neste desafío: cibercarracho, -a. E esta é a voz que acaba de ser elixida Palabra do Ano 2023, nun momento en que grandes empresas de múltiples sectores e institución públicas e privadas de todo o mundo están a ser obxecto de graves agresións deste tipo de delicuentes, que tamén afectan cada vez máis particulares.

O vocábulo fíxose con máis do 40 % dos votos rexistrados na votación organizada pola RAG e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras, a páxina web para a difusión do léxico galego promovida por ambas as institucións. A segunda voz máis apoiada foi feitiño, -a, con algo máis do 30 % dos votos, seguida de biodiversidade, dereitos humanos, educación emocional ecooficialidade.

Cibercarracho, -a fórmase partindo do prefixo ciber-, resultante do acurtamento de cibernético, e o substantivo carracho, que nomea un arácnido da orde dos ácaros do que existen varias especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves, tamén denominado carracha, carraza, carrapato ou carrapata.

Carracha no refraneiro

Da idoneidade de elixir este becho capaz de transmitir distintas enfermidades para se referir a quen delinque dá conta o refraneiro, que confirma a mala sona da que gozou tradicionalmente. As molestias e os danos que ocasionan as carrachas reflíctense en proverbios como Gando cativeiro, de carrachos cheo ou Ano pobre e ovella fraca, todo é carrachas. E as calidades negativas que se lles atribúen tamén están presentes dalgún xeito nesoutro dito que se aplica a quen presume do que non ten: Chufa, carracha, que logo vén o verán!

Retirarlles as carrachas a un animal require de moita paciencia, de aí que o nome deste ácaro tamén estea presente noutra expresión ben diferente, aplicable a unha persoa moi perfeccionista: Ándalle catando os carrachos ao can.

Cibercarracho, -a incorpora agora esta palabra popular nun novo tempo marcado pola tecnoloxía, chea de oportunidades pero tamén de ameazas, que van deixando pegada no Dicionario. O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega deu entrada nesta obra de referencia da lingua de noso no ano 2018 a diversas voces relacionadas con eses riscos, entre elas ciberdelicuente, xunto a outras formadas a partir do mesmo prefixo como ciberdelito, ciberataque, ciberseguridade ou ciberacoso.

Cibercarracho, -a é a décima Palabra do Ano en galego escollida na votación popular promovida polo Portal das Palabras. Nas edicións anteriores fórono comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

0.14484214782715