Cinza e Lume imponse no XVIII Tapicheo de Sarria cun canelón de cachena como mellor tapa

SarriaXa
DP Cristal e Don Pepe completan o podio dun certame que volveu encher a vila de sabor entre o 5 e o 8 de decembro
tapicheo-Sarria
26 Dec 2025

O Tapicheo do Concello de Sarria pechou a súa décimo oitava edición cun balance moi positivo e coa proclamación dos establecementos gañadores dun certame que, un ano máis, converteu a gastronomía nun dos grandes reclamos da vila durante a primeira semana de decembro. A iniciativa desenvolveuse entre os días 5 e 8 e contou cunha ampla participación tanto de locais hostaleiros como de público.

Nesta edición, os establecementos participantes presentaron unha única tapa creada especificamente para o concurso, diferente das que ofrecen habitualmente nas súas cartas. As propostas mantiveron un prezo accesible, entre dous e tres euros, seguindo o modelo consolidado en convocatorias anteriores e facilitando así a participación do público.

O primeiro premio foi para o restaurante Cinza e Lume, que conquistou ao xurado coa súa proposta “Canelón de tenreira cachena con bechamel de foie”, unha elaboración que destacou pola combinación de produto e técnica. O segundo posto foi para DP Cristal, mentres que Don Pepe acadou a terceira posición coa tapa “Bomba Don Pepe”.

Os tres locais foron seleccionados por un xurado profesional entre os seis finalistas do certame. O panel estivo integrado por Ana María Roca Vila, cociñeira do CEIP Plurilingüe Antonio Fernández López de Oural, e por Marcos Fernández Aversa e Thadeu Castro Ferreira, ambos cociñeiros da residencia de maiores Nosa Señora do Carme de Sarria.

⚙ Configurar cookies
0.076478958129883