Claudio Garrido, que encabeza a lista de Camiña Sarria, resalta os éxitos acadados na lexislatura

SarriaXa
Claudio Garrido, que encabeza a lista de Camiña Sarria, resalta os éxitos acadados na lexislatura nun acto con 150 persoas
Camiña Sarria
18 Abr 2023

Camiña Sarria presentou a súa candidatura nun acto no que reuniu a 150 afiliados, simpatizantes e colaboradores na contorna da piscina climatizada para presentar o lema da campaña para as eleccións municipais do 28 de maio, “porque cumprimos”.

Claudio Garrido, que encabeza este partido político, pretende “lembrar e poñer en valor as principais promesas realizadas en 2019, que a día de hoxe son feitos e realidades incontestables grazas ao traballo do goberno de Camiña Sarria”.

O candidato a revalidar a Alcaldía, Garrido, resaltou que “a pesar das dificultades de gobernar en minoría e dos continuos obstáculos que tratou de poñer a oposición máis obstrucionista e destrutiva dos últimos mandatos”, entre os principais logros destes catro anos figuran os seguintes: a apertura da Ponte Ribeira despois de oito anos pechada ao tráfico; a posta en funcionamento da piscina climatizada, que xa conta con máis de 1.000 usuarios; o reforzo da seguridade cidadá coa recuperación do servizo nocturno da Policía Local; a aprobación dos primeiros orzamentos municipais en cinco anos; as múltiples obras de acondicionamento da rede viaria do rural; o reparto das subvencións aos clubs e entidades deportivas; a creación da Concellaría do Camiño para corrixir o abandono e deterioro do Camiño; e a adquisición da Feculeira para a súa posterior conversión nun gran espazo cultural, entre outros moitos logros.

“Somos a única candidatura con credibilidade para realizar novas promesas porque, a pesar de todos os atrancos, demostramos con feitos que temos palabra e que sabemos xestionar para cumprir o que prometemos”, remarcou o candidato á Alcaldía.

Respecto ás expectativas electorais para o 28 de maio, Claudio Garrido situou a Camiña Sarria “claramente como a opción gañadora” e como “o único partido que pode ofrecerlle a Sarria a estabilidade que precisa no concello”.

“Afrontamos esta recta final da precampaña e a propia campaña con grande optimismo, polo que non queremos poñernos teito de votos e concelleiros.

A veciñanza na rúa recoñécenos cada día o traballo realizado e trasládanos moi boas sensacións e o desexo de que Camiña Sarria alcance a maioría e poida gobernar en solitario para aportarlle estabilidade ao futuro de Sarria”, engadiu.

0.18503308296204