Claudio Garrido ve "lóxico" que os cartos do IBI os devolva a Deputación de Lugo

SarriaXa
Claudio Garrido ve "lóxico" que os cartos do IBI os devolva a Deputación de Lugo e critica a "utilización partidista" de José Tomé
24 Abr 2023

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, adiantou que no pleno convocado para o vindeiro día 27 de abril darase conta da aprobación da liquidación do orzamento xeral do Concello e da Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme correspondente ao exercicio de 2022.

Na Comisión de Contas programada para hoxe, falarase de que estas contas foron aprobadas por decreto da Alcaldía o pasado día 31 de marzo “dentro do prazo legalmente establecido” e enviado “en tempo e forma” aos organismos fiscalizadores correspondentes.

Ademais de resaltar que dita liquidación deixa uns remanentes de tesoureiría para gastos xerais de 4.935.833,98 euros, o rexedor local destacou que “a liquidación constata que os cartos recadados polo IBI dos anos 2016, 2017, 2018 e 2019, cobrados pola Deputación de Lugo nos meses de xuño e xullo de 2022 e que ascendían a aproximadamente 1,2 millóns de euros -arredor de 300.000 euros anuais-, nunca chegaron a entrar nas contas do concello, senón que sempre estiveron e seguen a estar nas contas da Deputación”.

Garrido apuntou que a liquidación demostra que as “insinuacións e afirmacións realizadas reiteradamente por algúns partidos da oposición reclamando e preguntando ao goberno local “onde estaban os cartos do IBI” e solicitando “a inmediata devolución” o que pretendían era enganar aos afectados”.

Ademais, subliñou que a anulación das liquidacións deses catro anos foi solicitada formalmente polo Concello de Sarria, “non por ningunha plataforma”.

Contestación á Deputación de Lugo

En canto á inminente devolución anunciada pola Deputación de Lugo, Claudio Garrido indicou que “é lóxico que os devolva a Deputación, porque foi a que tivo eses cartos en todo momento, xa que nunca chegaron ás contas do Concello”.

“A Deputación é quen ten que devolver os importes cobrados porque tamén foi quen ordeou os cobros, a pesar de ter coñecemento da sentenza previa que apuntaba a que os recibos foran cargados fóra de prazo”, enfatizou.

Ao respecto, Garrido tamén manifestou a súa “indignación pola utilización partidista que José Tomé está a realizar do servizo de recadación da Deputación, posto que el mesmo resolveu en decembro de 2022 a anulación das liquidacións, data na que debeu realizar as devolucións deses importes aos afectados, pero optou por dilatar o proceso e reter os cartos da xente para converte a súa devolución en propaganda electoral”. “A súa obriga era devolver eses cartos o antes posible e non retrasar a devolución para tratar de sacar réditos electorais partidista”, concluíu.

0.14881086349487