Clausurada a exposición Camiño Branco en Sarria
Esta mañá destacouse a importancia de protexer o Camiño de Santiago, así coma a revitalización das rutas xacobeas na clausura da exposición Camiño Branco. Da Antártida a Santiago de Compostela, que se puido contemplar en Sarria por iniciativa de Correos e a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, presidida por Claudio Garrido.
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, manifestou que a exposición fotográfica é testemuña da “enorme repercusión do Camiño de Santiago” e destacou que “este verán puidemos comprobar que o Camiño resiste, a pesar da pandemia”.
Isabel Rodríguez informou de que o Goberno contribúe a facilitar o retorno dos peregrinos centrando os seus esforzos en primeiro lugar na atención á súa seguridade, para que poidan percorrer as rutas xacobeas con tranquilidade, coa protección tanto da Garda Civil como da Policía Nacional, naquelas poboacións nas que ten competencia.
Así, explicou que “este ano reforzamos a seguridade no Camiño coa posta en marcha medidas novidosas como a Oficina Móbil de atención ao peregrino da Garda Civil ou a campaña Non camiñas soa, coa implicación de distintas Delegacións do Goberno, que está especificamente dirixida ás mulleres que fan o Camiño”.
“E, ademais da seguridade dos peregrinos, o Goberno ten en marcha distintas actuacións na provincia para poñer en valor núcleos tradicionais e monumentos na Ruta Xacobea, con obras que leva a cabo na provincia o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e proxectos incluídos no Plan Nacional Xacobeo 2021-2022, presentado a principios do verán pola ministra de Industria, Comercio e Turismo, no que está previsto un investimento total que supera os 121 millóns de euros, que se financiará cos fondos europeos Next Generation”, indicou a subdelegada.
Rodríguez recalcou que “Sarria beneficiarase deste Plan que contempla o investimento de 668.000 euros para o Muiño do Toleiro, que é un dos proxectos de rehabilitación do patrimonio que se financiarán co Plan Nacional Xacobeo”.
Son algunhas iniciativas do Goberno que mantén o seu compromiso coa protección do Camiño, indicou a subdelegada que valorou a iniciativa de Correos e a Mancomunidade Concellos do Camiño Francés de traer a Sarria unha exposición que documenta a máis larga peregrinación feita a Santiago de Compostela, un Camiño de 14.075 kilómetros feito por un cento de “pingüigrinos” desde o outro extremo da Terra.
Trátase dunha expedición sen precedentes, na que participaron 60 marinos do buque de investigación español Hepérides, 12 soldados do Exército de Terra e máis de 20 científicos. Grazas a eles, a sona do Camiño chegou, literalmente ao outro cabo do mundo.