Club Aixa de ximnasia rítmica de Sarria: “Todos os grupos melloraron moitísimo este ano”
Por Jessica Fernández
Cando e por que xorde a Asociación Deportiva Aixa?
Xorde no 2009 a partir da alta demanda de nenas de ximnasia rítmica que había en Sarria, e ademais xa tiñamos un club en Monforte, que montamos en 2007, o Club Quicela. Como tiñamos posibilidades de recursos e de nenos para montar un en Sarria, fixémolo. O nome de Aixa significa muller forte, por iso lle puxemos ese nome.
Ao principio, fundamos a asociación e puxemos a andar o club, as dúas cousas á vez, e a través da asociación iamos ao colexio do Oural, do Incio e de Láncara a dar clases de patinaxe, de ximnasia rítmica e de fútbol sala nas clases extraescolares; mentres que co club dábamos só clase de ximnasia rítmica en Sarria.
Porén, hai 3 anos deixamos de ir pola comarca dando clases porque eu quedei embarazada e xa non podía dar as clases de patinaxe. Porén, cabe resaltar que chegamos a ter no Oural 40 nenos e nenas en patinaxe e sobre 35 no colexio da Pobra de San Xiao.
Que obxectivos persegue a asociación?
Pretendemos proclamar que os nenos e as nenas sexan máis fortes e impulsar o deporte a nivel base desde os inicios. Temos unha nai e unha filla que van xuntas ao club, polo que nós buscamos impartir ese amor polo nivel base e que coñezan o deporte. É un deporte cooperativo e competitivo, e o importante é que veñan a facer deporte e pasalo ben e logo se gañan, xenial. Un dos valores que queremos fomentar é o compañeirismo e que vexan que na vida se pode perder e gañar. Por outra banda, moitas das persoas que veñen ao club din que liberan estrés, que necesitan vir adestrar para desconectar do colexio e de todo.
Como é o traballo co alumnado?
A raíz do Covid baixamos o número de alumnas e agora temos 38 nenas e dúas profesoras. Desta maneira, traballamos con catro conxuntos, categoría benxamín, alevín infantil e cadete. O noso horario é de 16.30 a 18.30 horas os martes e os xoves e cada grupo vén unha hora ao día, entón os martes 16.30 a 17.30 horas teño un grupo e de 17.30 a 18.30 teño outro grupo, e o mesmo a miña compañeira. Dividímonos así porque temos que adaptarnos aos horarios do pavillón de Xosé Mario do Chanto. Por contra, en Monforte temos máis dispoñibilidade e adestran catro días á semana, porque hai un pavillón exclusivo para ximnasia rítmica.
Para o tema dos horarios dependen do Concello de Sarria, teñen colaboración con eles?
Si, o Concello de Sarria déixanos as instalacións e á hora de facer un torneo paga obsequios con axudas. Antigamente si que daban subvencións, pero hai dous anos deixaron de dalas e non sabemos por que. Pero si que recibimos axudas da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia porque somos un club sen ánimo de lucro, aínda que as socias pagan 30 euros de mensualidade, e necesitamos as axudas.
Gustaríanos ter máis amplitude de horarios para poder traer actividades de vez en cando máis innovadoras. Por exemplo, temos unha compañeira en Lugo que dá ballet e nos gustaría que viñera dar unha clase ás nosas pequenas, pero cos horarios que temos é difícil. Un ano trouxemos unha clase de hip-hop, pero en dúas horas non se pode. Queremos que o Concello nos dea unha hora máis.
Como foi esta tempada?
Esta tempada a verdade é que moi ben, xa que o conxunto benxamín clasificouse para o Campionato Galego e fixeron unha actuación espectacular, aínda que non acadaron subirse ao podio porque hai moito nivel, pero o que si é certo é que todos os grupos melloraron moitísimo este ano. Viñan con moitas ganas e forza e notáselles moitísimo o cambio. Están moi motivadas para o ano que vén.
Xusto con respecto ao ano que vén, como o esperan?
Non podemos falar de cifras, xa que é un deporte que hoxe pode haber 40 persoas apuntadas e en setembro hai 20, xa que durante o paso do curso do curso vanse apuntando. Esperamos que se manteñan, pero sempre hai altas.
Con respecto aos campionatos, vemos que, coas ganas e a ilusión que mostraron, na próxima tempada poderanse alcanzar máis podios.
Ademais, a nosa forma de ensinar non é como noutros clubs, que ves ás pequenas saíndo do tapiz chorando. Nós sempre que as nosas nenas compiten, marcámoslles os fallos e resaltamos os acertos, sempre de forma asertiva, cremos que é a mellor forma de ensinar. Non somos moi duras porque non queremos que nos teñan medo. Que saiban onde fallaron e que se dean de conta, pero sen que sexa un trauma.