Club Meigallos FS: “A nosa intención é facer equipos femininos das categorías da base”

SarriaXa
O club de fútbol sala de Sarria celebra 20 anos este 2025 e celebra os éxitos desta tempada, entre os que destaca o ascenso do Infantil A e a participación en play off do Sénior
Celebracion-ascenso-Infantil-A-Meigallos
4 Jun 2025

Jessica Fernández

O Club Meigallos FS de Sarria cumpre dúas décadas de vida este ano 2025 e, lonxe de conformarse co pasado, mira con forza cara ao futuro. Violeta Díaz, presidenta da entidade, fai balance dunha tempada intensa, chea de retos, logros e moita ilusión.

“Estamos moi contentos coa tempada, tanto polos resultados como pola implicación das familias e xogadores. Temos máis de 200 fichas en fútbol sala, que xa é un mérito enorme para un deporte que compite co fútbol campo, que sempre tira máis”, explica Díaz con orgullo.

O club está presente en todas as categorías de base, con equipos mixtos dende biberóns ata xuvenís, que por idades son: Biberón (2019-2020-2021), Prebenxamín (2017-2018), Benxamín (2015-2016), Alevín (2013-2014), Infantil (2011-2012), Cadete (2009-2010) e Xuvenil (2007-2008). Ademais, Os Meigallos FS conta con equipos sénior tanto masculino, no que hai dous, como un feminino.

“O feminino xa o tiñamos antes da pandemia, pero desapareceu por mor desta situación. Por iso, no ano 2024 decidimos volver crealo e promovelo, e agora temos 16 fichas no equipo sénior feminino. A nosa intención é conseguir que nenas máis pequenas se animen a formar parte do fútbol sala sarriao e así poder formar equipos nas categorías femininas da base tamén”, comenta Violeta.

OS LOGROS

Tal e como explica a presidenta, un dos grandes logros desta tempada foi o ascenso do Infantil A á Liga Galega, un fito que foi especialmente celebrado por todo o club debido á súa importancia. “O ano pasado quedamos ás portas, perdemos no último minuto, e este ano por fin se conseguiu. Os do Infantil A gañaron 3-2 e foi un partido cheo de nervios, pero os rapaces estaban felices. Para celebralo, fomos cear todos xuntos e festexámolo como se merecía”, lembra emocionada.

Pola súa parte, tamén quixo destacar ao equipo sénior masculino, que competiu por un ascenso importante, á Terceira División, que se disputou contra o Lugo Sala B; pero que non se conseguiu. Porén, desde a entidade valoran moito o traballo do equipo durante toda a tempada, xa que "temos un equipo moi novo, de 19 a 20 anos, con moito potencial; e sobre todo o esforzo deportivo que se fixo para chegar á final. "O ano que vén estamos seguros de que o imos conseguir", sostivo Violeta.

A implicación de xogadores e familias é un dos piares do Club Meigallos. “Somos cinco pais na directiva e o club é coma unha gran familia. Os maiores adestran aos pequenos e os pequenos incluso van velos xogar. Isto crea unha unión moi bonita e un sentido de pertenza que nos diferencia”, subliña a presidenta.

VALORES E ACTIVIDADES

O club aposta firmemente polos valores no deporte. “O compañeirismo é o máis importante. Aquí xogamos todos: os bos, os que están empezando, os nenos e as nenas;  e promovemos que todos se leven ben. No noso club admitimos a todos os nenos, incluso cando marchan e volven ao ano seguinte. Por outro lado, a educación e o respecto tamén son fundamentais. O meu fillo, con 16 anos, xa é adestrador e ensínalles que deben ter respecto pola persoa que está á fronte, así como que non se pode protestar ao árbitro. Tamén aprenden a gañar e, sobre todo, saber perder”, explica.

Con respecto ás actividades, de cara ao verán, os Meigallos xa teñen a maquinaria en marcha. Así, o club está a organizar o seu tradicional Torneo de San Xoán, que terá lugar o fin de semana anterior á festividade. “É un torneo base, dende prebenxamín ata xuvenil, con equipos doutras vilas. E cos biberóns sempre intentamos facer algún partidillo a final de tempada, con medallas para todos”, engade. Ademais, tamén fala do VIII Campus de Fútbol Sala Os Meigallos FS, que se celebrará do 6 ao 12 de xullo en Sarria.

Tras ese campamento, teñen pouco tempo de descanso, xa que en agosto “xa volvemos aos adestramentos. Antes do 27 de xullo temos que inscribir os equipos, así que avisamos ás familias que non esperen a setembro. Ademais, a finais de maio faremos xornadas de portas abertas para que os nenos e nenas que queiran probar, poidan facelo ata xuño”, comenta.

Sobre a posibilidade de celebrar os 20 anos do club, Violeta recoñece que lles gustaría facer algo especial, pero a carga de traballo é elevada. “Queremos facer un evento, pero somos poucos e estamos a tope coa competición. Entre o ascenso dos infantís e a fase dos sénior, estamos sen tempo. A ver se conseguimos celebralo dalgún xeito máis adiante”, conclúe.

Vinte anos despois da súa fundación, o Club Meigallos FS continúa a medrar, con paixón, esforzo e un proxecto deportivo que aposta polas persoas e polos valores. Un exemplo de que o deporte, máis alá dos resultados, é tamén un camiño para educar e construír comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.17400813102722