Club Seurri: “O tiro con arco non é só competición, é un deporte cheo de valores esenciais”

SarriaXa
Alberto e Ángela Rincón, pai e filla, fundaron o Club Seurri de Sarria con outros arqueiros no ano 2014 e, nestes 10 anos, foron poñendo en valor o tiro con arco na comarca
Club-Seurri-Sarria-equipo
16 Apr 2025

Jessica Fernández

O Club Seurri de Sarria vén de cumprir 10 anos desde que iniciou a súa andaina no mundo do tiro con arco, un deporte minoritario que soubo atopar o seu espazo grazas ao esforzo constante dos seus promotores. Ángela Rincón, unha das fundadoras xunto ao seu pai, Alberto Rincón, repasa a evolución do club e os retos que afrontan.

“Desde o meu punto de vista, que un club deportivo dun deporte minoritario e pouco coñecido como o tiro con arco aguante 10 anos mantendo o mesmo número de socios ca nos seus inicios, é un gran logro”, sinala Ángela Rincón. E é que, nun contexto onde os deportes maioritarios acaparan a atención e os recursos, manterse firme durante unha década non é unha fazaña menor.

Na actualidade, o Club Seurri conta con 23 socios activos, ademais de seis novas persoas participantes no curso de iniciación, o que demostra que segue espertando interese e atraendo nova xente. Tamén conseguiron a colaboración de tres empresas locais, o que lles permite soster o proxecto cunha certa estabilidade. “Isto significa que hai interese polo deporte e que, como club, estamos facendo as cousas ben”, engade Ángela, reflectindo o espírito co que afrontaron estes anos.

Un espazo propio, unha familia unida

Un dos grandes pasos adiante que deu o club nestes anos foi a creación duns locais propios, situados na Rúa Liberdade 217. “Nos inicios utilizabamos as instalacións do Concello, pero hai uns anos decidimos aventurarnos a ter un local propio moi amplo. Non moitos clubs poden permitirse isto e creo que é algo envexable”, explica Ángela, destacando o valor engadido que supón contar cun espazo adaptado e funcional, algo especialmente importante para un deporte con necesidades moi específicas.

Mais este logro non chegou só: “Recoñecemos que isto non se podería conseguir se non fose grazas aos socios e ás empresas colaboradoras. O seu apoio foi clave para dar este salto”, subliña.

Con todo, o club segue enfrontándose a retos loxísticos, especialmente á hora de atopar un espazo adecuado para os adestramentos ao aire libre. “É difícil atopar un sitio exterior, xa que se necesitan como mínimo 80 metros de longo”, sinala. A pesar diso, hai boas novas: “Actualmente estamos en trámites para acondicionar un campo que nos cedeu o convento da Nosa Señora da Mercé”, explica con ilusión.

Máis aló do espazo, outra necesidade fundamental do club é aumentar a base social. “Como creo que ocorre na maioría dos clubs, gustaríanos ter máis socios”, afirma. E non só por cuestións económicas ou organizativas, senón tamén por vocación divulgadora: “Queremos amosar á xente o que é o tiro con arco e a pequena gran familia que somos no Club Seurri”.

A pesar do esforzo, aínda hai persoas que descoñecen a existencia do club. “É certo que non somos moi coñecidos; moitas veces a xente non sabe que en Sarria hai un club de tiro con arco. Por iso intentamos cambiar esa situación dando máis visibilidade nas redes sociais e colocando carteis na fachada do noso local”.

Máis ca un deporte: valores, logros e proxectos

Aínda que o camiño non sempre foi doado, o club atopou no entusiasmo da xente unha gran motivación. “Sarria acolle o deporte, aínda que hai unha parte complicada. Este é un deporte pouco coñecido, non é algo que se vexa na televisión nin se ensina nos colexios”, explica Ángela. Aínda así, decidiron actuar: “Intentamos solucionalo indo dar clases a colexios, institutos e campamentos. Toda a xente que descobre este deporte vén moi entusiasmada e con ganas de probar, algo que nos encanta”.

Ademais, o club comeza a destacar no ámbito competitivo. A propia Ángela Rincón, que leva no club desde a súa fundación, comezou a abrirse camiño en torneos oficiais. “A tempada pasada entroulle o gusanillo de competir. Non conseguiu bos resultados, pero nesta tempada repetiu e mellorou moitísimo”, conta con satisfacción. Na súa categoría recurvo sénior muller, Ángela conseguiu un 3º posto no Campionato Galego de Sala e un 2º posto no Trofeo Federación de Sala. Grazas ao seu esforzo, logrou clasificarse para o Campionato de España de Sala, celebrado en Valladolid. “Ese nivel non foi o que ela agardaba, pero era a súa primeira vez competindo nun nivel tan alto, onde participan tiradores olímpicos. Aínda así, encantoulle a experiencia e non dubida en repetir”.

Outros membros do club tamén están deixando pegada. “Temos a Cristina Pereira, campioa galega en sala na tempada 23/24, e a Jesús Franco, que tamén acadou un 3º posto no Campionato Galego de Sala a tempada pasada. Ademais, hai máis arqueiras e arqueiros que conseguen moi boas puntuacións nas competicións”, destaca Ángela, visiblemente orgullosa do traballo colectivo.

Pero o tiro con arco non é só competición. Segundo Rincón, é un deporte cheo de valores fundamentais. “Transmite disciplina, paciencia, concentración, autocontrol e fortaleza”, enumera. “Tamén ensina respecto, solidariedade e traballo en equipo. Aínda que é un deporte individual, sempre se fomenta un ambiente de apoio mutuo, compartindo experiencias e consellos”.

A nivel físico, os beneficios tamén son destacables. “Apréndese a conseguir unha boa postura corporal, ao tempo que se fortalece a parte superior do tronco. Temos xente que notou melloras na mobilidade dos brazos e da espalda”, afirma. E no plano psicolóxico, é unha ferramenta poderosa: “Apréndese a controlar a concentración e a evadirse mentalmente do que sucede arredor. Tamén se gaña confianza en un mesmo e trabállase no control da mente e do corpo”.

Ademais, o club aposta polo compoñente lúdico do deporte. “Gústanos ensinar a pasalo ben co tiro con arco. Organizamos pequenas tiradas de Samaín, Entroido, Nadal... Somos unha pequena gran familia que se axuda mentres goza do deporte”, engade Ángela cun sorriso.

E os proxectos non se quedan atrás. “Queremos aumentar o número de socios, conseguir máis empresas colaboradoras e rematar o campo exterior para adestrar ao aire libre”, explica. Pero tamén están desenvolvendo iniciativas máis ambiciosas: “Temos un pequeno proxecto para axudar aos nosos deportistas noutros ámbitos, como o psicolóxico, o fortalecemento físico e nutricional, e o coñecemento do material técnico”.

Por último, puxeron en marcha un proxecto de tecnificación, cun grupo de adestramento máis esixente para quen desexe competir. “No Club Seurri non obrigamos a ninguén a competir. Hai quen quere prepararse e esixímoslles máis, e outros que veñen simplemente para tirar, relaxarse e desconectar. A todos lles damos o seu espazo, o seu ritmo e o noso acompañamento”, conclúe Ángela.

Dez anos despois do seu nacemento, o Club Seurri non só consolidou o tiro con arco en Sarria, senón que construíu unha comunidade baseada na paixón, a constancia e o compañeirismo. E todo indica que o mellor aínda está por chegar.

⚙ Configurar cookies
0.12678098678589