Clube de Pesca Río Neira: “Loitamos por que o río Neira teña unha poboación estable de peixe e conservalo”

SarriaXa
Eduardo Javier Rodríguez Castro, presidente do Clube de Pesca Río Neira, e Alejandro Pérez Trebolle, secretario do colectivo, poñen en valor o labor dos socios por manter e conservar o río Neira, ao seu paso por Láncara
directiva-Clube-Pesca-Río-Neira-Láncara
2 Feb 2025

Jessica Fernández

“O conservacionismo é o único modo de asegurar que esta actividade teña futuro”, explican o presidente e secretario do Clube de Pesca Río Neira, Javier e Ali, que apostan pola pesca sen morte para “poder manter unha cantidade estable de salmónidos no río Neira e así poder seguir practicando a pesca a mosca durante moitos máis anos.

Comezando polo principio, o Clube de Pesca Río Neira xorde en 2020, durante unha videochamada que fixeron uns amigos pescadores no medio do confinamento pola pandemia da COVID-19. Mentres facían moscas, unha técnica que consiste en imitar os insectos que hai no río, tanto os que se atopan enriba da auga como os que van por debaixo, para que parezan reais e enganar aos peixes para que piquen, tal e como explica Ali; Javier propuxo crear un club de pesca, algo que ao principio non lle tomaron en serio. Despois, falando máis en serio, animáronse a crealo e na zona de Láncara, poñendo a súa sede no bar Avenida, e conveniando coa Xunta os coutos de pesca: dous tramos en Láncara, un con morte e outro sen morte; e outro na zona recreativa de Valdriz, na Pobra de San Xiao.

“O noso obxectivo, desde o primeiro momento, é conservar o río, xa que nós o que queremos é que o río estea ben e cada vez mellor, cunha poboación de peixe estable e de maior cantidade. Apostamos pola pesca sen morte porque somos conservacionistas e así está enfocado o club, porque cremos importante promocionala de cara ao futuro para conservar a poboación de salmónidos nos ríos. No río hai sitio para quen queira levar as troitas a casa, pero agora non hai tantos animais como antes porque todo o que se fai ten consecuencias no futuro. Ademais, hai dous anos aprobouse a Lei de Pesca, que avoga cara a unha pesca sen morte, e na que se di que hai que incrementar ano a ano os tramos sen morte, polo que nós promovemos iso.

Por outra banda, outros obxectivos que poñen en valor son “que a xente que vaia o pase ben e tamén queremos atraer a pequenos para introducirse na pesca, pero non hai moita afección nova que se una, tira moito a tecnoloxía”, explica o presidente, que defende os beneficios desta actividade: “O contacto coa natureza, fas exercicio porque vadear no río custa, coñeces tipoloxías de peixes e de insectos, adquires coñecementos… E para os adultos tamén é unha terapia, porque desconectas. Ademais, é unha actividade que se pode facer individualmente, pero tamén podes ir con amigos ou quedar logo para comer, así que che permite moitas posibilidades”, sostén.

AS INICIATIVAS DO CLUB

Entre as actividades que organiza o Club destacan as xornadas técnicas, que este ano fan o seu cuarto aniversario o 8 de febreiro. “O primeiro ano que nos fundamos xa organizamos xornadas técnicas porque era algo que se facía en Galicia, pero estaban caendo”, explica Ali. Así, “cun formato xa caduco, este ano decidimos traer ás xornadas a Pablo Castro, un referente a nivel mundial na pesca e será unha honra contar con él nunhas xornadas de pesca a mosca ás que está todo o mundo convidado, xa que pode achegarse de maneira gratuíta ao local polifuncional do Concello de Láncara a ver como algúns socios facemos moscas, tamén haberá material de pesca de dúas tendas especializadas para que os interesados poidan mercar o que necesiten, que xa está preto o comezo da tempada de pesca, e logo farémoslle un recoñecemento a Pablo Castro e, ao mediodía, comeremos xuntos. Pola tarde, temos organizada unha mesa redonda con Pablo Castro na que nos contará as súas experiencias súas ou a preparación dunha viaxe. Tanto el como David Arcay son socios de honra no noso club e é un privilexio contar con eles”.

Ademais das xornadas técnicas, outras actividades que organizan durante o ano son limpezas do río, que este ano terán lugar o 22 de febreiro e o 8 de marzo, antes de comezar a tempada de pesca, co fin de retirar plásticos e outros elementos que ensucian o río Neira para que sexa “unha boa tempada de pesca, sen plásticos do silo, xa que a zona é de moita gandería, aínda que cada vez hai menos, porque ao vernos a nós limpar, a xente concienciouse e oxalá que continúe así”, explica Javier.

Este ano, a maiores, teñen pensado levar a cabo un curso con Pablo Castro unha fin de semana, organizan un campionato a última fin de semana de setembro e un de parellas o primeiro de setembro. Tamén fan xornadas de convivencia e “se a tempada o permite, podemos improvisar con outras actividades”, sosteñen, engadindo que non fan xornadas concretas de formación, pero “calquera persoa que se estea iniciando na pesca, nós acompañámoslle e axudámoslle, porque a pesca de río necesita técnica e práctica e hai que ir con alguén que te aconselle”.

POÑER EN VALOR O RÍO NEIRA

Un dos proxectos que teñen para o futuro é “primeiro, que o club siga sendo estable, que non perdamos socios, xa que cada ano imos medrando e xa somos 109 socios, algúns de fóra de Galicia que veñen aquí a pescar. O club é importante para Láncara e a comarca porque dá a coñecer a zona aos socios, así como hai que destacar os gastos que deixamos na zona, porque comemos aquí e consumimos aquí. Ao pobo algo lle beneficiamos, xa que fomentamos que se achegue a xente ao río Neira. E, ademais, limpamos nós o río e conservámolo. Quitamos as silveiras, a suciedade, o lixo...”, explica.

Ademais, agradecen e recoñecen o apoio do Concello de Láncara ao deixarlles usar un local municipal para a súa actividade, polo que a relación “mellorou moito“. Pero, din, “non viña mal un empurrón do Concello, xa que en moitas actividades vémonos solos. Nós como directiva non gañamos nada, aportamos do noso tempo libre e pensamos que estamos facendo un bo traballo polo municipio, pola comarca e pola conservación do río Neira”, defenden.

Finalmente, un dos maiores proxectos que teñen en mente, aínda que argumentan que é complicado, é “poñer en marcha unha escola no club para poder ter canteira e que sobreviva a pesca de río sen morte. É difícil atraer aos nenos e chamarlles a atención porque agora, coas novas tecnoloxías, non queren saír a xogar e estar en contacto coa natureza, como si que pasaba antes, pero podiamos facer accións de ir por centros educativos a explicarlles en que consiste todo iso, que lles pique a curiosidade e que se animen a pasar algún día do verán no río pescando e desfrutando do entorno. Por exemplo, hai un rapaz que se formou con nós, Raúl, e que se chegou a ser campión xuvenil nacional; para nós é un orgullo que unha persoa que se formara no club chegara a onde está”, conclúen.

0.10024905204773