Cociñas Leydak: deseño, calidade e trato persoal desde Sarria para Galicia

LugoXa | SarriaXa
Miguel Ángel López Fernández destaca o traballo artesanal e o compromiso coa clientela nun negocio familiar que evoluciona desde os anos 80
Cociñas-Leydak
31 Aug 2025

Desde os anos oitenta, Cociñas Leydak forma parte do tecido comercial de Sarria, un negocio que naceu como proxecto familiar e que hoxe continúa impulsando Miguel Ángel López Fernández, xerente. A diferenza fundamental respecto aos inicios radica na aposta por ofrecer un espazo físico onde as persoas interesadas poidan ver de primeira man as cociñas e os acabados cos que traballan. “Antes funcionabamos moito polo boca a boca, sen exposición, pero decidín abrir un local para que a xente vexa as cociñas montadas, os electrodomésticos, os detalles”, explica Miguel Ángel, que destaca a importancia de ensinar o produto xa rematado para que a clientela coñeza de verdade o que está a mercar.

Na exposición de Cociñas Leydak combínase o deseño e a calidade con solucións adaptadas a distintos perfís de comprador. “Traballamos con gama media-alta, cociñas de deseño, pero tamén ofrecemos opcións máis económicas. Queremos orientarnos cara a un público cun poder adquisitivo maior, sen deixar de lado outras opcións”, indica Miguel Ángel.

Nunha cociña, a elección do mesado é clave tanto pola estética como pola funcionalidade. Entre os materiais máis valorados está o granito, resistente, duradeiro e único en cor e veas; o cuarzo compacto, como Silestone, que ofrece variedade de cores, gran resistencia e fácil mantemento; o porcelánico, ideal por ser altamente resistente e de estilo moderno; a madeira tratada, que aporta calidez aínda que require máis coidado; o aceiro inoxidable, propio de cociñas profesionais pola súa hixiene e resistencia; e o laminado, máis económico e versátil en acabados.

En canto aos electrodomésticos básicos, inclúen as placas de cociña (gas, vitro ou indución), fornos, microondas, campás extractoras, frigoríficos, conxeladores, lavavaixelas e, ás veces, lavadoras integradas. Tamén se engaden pequenos aparellos como máquinas de café ou robots de cociña. A clave está en combinar materiais de calidade cun deseño personalizado e un bo asesoramento, para crear un espazo práctico e adaptado a cada fogar.

O TRATO AO CLIENTE

A clave do seu modelo de traballo reside na personalización absoluta: “Facemos deseños a medida, adaptados ás ideas de cada persoa. A xente chega cunha idea inicial e nós asesorámola, aportamos solucións e buscamos sempre o mellor para cada caso”.

O trato persoal e a formalidade son dous valores que destacan especialmente neste negocio. “O que máis valora a xente é que lles cumprimos os prazos. Moitas veces cóntannos que somos os únicos que realmente facemos o que prometemos. Hai quen vén con présa, pero nós preferimos ser serios e explicar ben os prazos reais, que adoitan ser duns 60 días desde que se asina o contrato ata que queda todo finalizado”, comenta o xerente. Esta seriedade tradúcese nunha carteira de clientes fieis, tanto particulares coma decoradores ou empresas, non só en Sarria, senón tamén en Lugo e noutras zonas de Galicia.

No tocante aos materiais, en Cociñas Leydak trabállase con opcións de primeira calidade, desde porcelanas ata pedra natural ou materiais compactos. “Temos sempre o mellor do mercado, adaptándonos ao que busca cada persoa”, explica Miguel Ángel. Pero máis alá dos materiais, destaca tamén o servizo integral: “Contamos con fontaneiro, electricista, albanel... e ocupámonos de todo. Eu mesmo levo a dirección das obras, contrato o que faga falta para que o local quede listo e poidamos instalar a cociña”. Un enfoque familiar e próximo que, segundo recoñece, o vive de maneira intensa: “É algo moi persoal, vólcome moito no negocio”.

A día de hoxe, Cociñas Leydak mantén o seu foco principal en Sarria e Lugo, aínda que cunha clientela que abarca toda Galicia. E aínda que boa parte da fidelidade segue chegando polo boca a boca, Miguel Ángel admite que está valorando dar o salto ás redes sociais, especialmente Instagram, para chegar a un público máis amplo e mostrar a calidade dos seus produtos tamén no ámbito dixital.

Con máis de catro décadas de historia, Cociñas Leydak é hoxe un exemplo de negocio familiar que soubo actualizarse sen perder a súa esencia: profesionalidade, calidade e trato humano, desde Sarria para toda Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.15869688987732