Colexios de Oural e Sarria participan en campañas de educación ambiental da Fundación CEMA

O CEIP Plurilingüe Antonio Fernández López de Oural e o IES Gregorio Fernández de Sarria participaron nas campañas de educación ambiental “Colegios + sostibles” e “Xeración + sostible”, impulsadas pola Fundación Laboral do Cemento e o Medio Ambiente, Fundación CEMA, nos centros educativos situados na contorna das fábricas de cemento.
A campaña “Colegios + sostibles”, dirixida a alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria, ten como obxectivo espertar o interese dos máis pequenos polo coidado do medio ambiente como ferramenta fundamental para frear o cambio climático. Neste marco, os 28 escolares do CEIP de Oural participaron nun obradoiro desenvolvido no propio centro por unha educadora ambiental especializada, que de maneira amena e didáctica lles explicou que é o cambio climático, como afecta á sociedade e que accións cotiás poden levar a cabo para contribuír a mitigar os seus efectos.
Pola súa banda, o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, Formación Profesional Básica e de Grao Medio do IES Gregorio Fernández de Sarria tomou parte nun taller con formato de “escape room”, incluído na campaña “Xeración + sostible”. Esta actividade tivo como finalidade promover o coñecemento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible relacionados coa economía circular, o cambio climático e a igualdade de xénero, fomentando a aprendizaxe a través dunha metodoloxía participativa e dinámica.
As campañas complétanse cun conxunto de recursos e materiais informativos e educativos interactivos dirixidos tanto ao profesorado como ás familias, nos que se recollen recomendacións prácticas para o día a día co fin de reducir o impacto ambiental. Entre estas propostas inclúense accións como reducir, reutilizar e reciclar correctamente os residuos, aforrar no consumo de auga e electricidade ou apostar polo uso do transporte público como medidas para contribuír á loita contra o cambio climático.