Comadre foi elixida a Palabra do Ano 2022

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Dicionario da Real Academia Galega define
27 Dec 2022

O Dicionario da Real Academia Galega define comadre nas acepcións relacionadas co parentesco, pero na fala popular esta voz refírese tamén á veciña ou á amiga na que se ten especial confianza. Con este último significado, que lembra as mozas e vellas que se prestan apoio para faceren fronte aos contextos adversos e que se fan tamén compaña nos bos momentos da vida, vén empregándose dende hai moito tempo. Bebendo deste herdo tradicional, hoxe reivindícase dende o feminismo consciente como un xeito de se referir a aquelas que practican a sororidade, a solidariedade entre mulleres. E nese empeño de moitas comadres do século XXI de teceren redes de visibilidade para a súa mensaxe, esta voz acaba de se converter na Palabra do Ano 2022.

Comadre conseguiu ser unha das seis voces finalistas na votación popular promovida pola RAG e a Fundación Barrié, a través do Portal das Palabras. A idea partiu raíz das Comadres das Letras, un grupo de mulleres unidas arredor dun obradoiro de literatura que a estendeu a través das redes sociais. A proposta prendeu con forza xa na primeira fase da elección da Palabra do Ano, a da recolla de suxestións, e na segunda, a determinante, acadou a complicidade da maioría das persoas que participaron na elección telemática. Conseguiu, de feito, máis do dobre de votos que o segundo vocábulo máis apoiado, candorca, este último en referencia aos numerosos avistamentos de cetáceos que se produciron nas costas galegas o pasado verán, que provocaron máis dun susto entre os patróns de pequenas embarcacións de recreo. O terceiro termo en votos foi ecocidio, seguido de resiliencia, autoestima e inflación. 

Unha palabra tradicional para o feminismo do s. XXI

O feminismo, un dos movementos máis determinantes no avance social dos últimos tempos, esta a vivir na última década un novo momento de auxe. Comadre é a primeira Palabra do Ano da lingua galega que reflicte a pegada que está a deixar na conversa pública cotiá, pero a importancia da perspectiva de xénero na forma de ollarmos o mundo en pleno século XXI xa se manifestou en edicións anteriores desta iniciativa, poñendo o foco tanto en grandes problemas como en conceptos positivos: En 2015 feminicidio foi unha das voces finalistas; en 2017, violencia de xénero; e en 2018 chegaron á final feminismo, sororidade e mais apoderamento.

Comadre procede do latín tardío commāter, -tris onde xa indicaba unha relación de parentesco semellante e común para todos os romances de Occidente. O Dicionario da Real Academia Galega defínea así como “nai dunha persoa con relación ao padriño ou á madriña desta” ou a “madriña dunha persoa con relación ao padriño ou aos pais desta”. Mais na lingua familiar comadre tomou unha significación particular e compartida igualmente con outras linguas da contorna, a de veciña e amiga coa que se acaba por ter un trato de máis confianza que con calquera outra.

Esta acepción de veciña e amiga recollíaa xa Marcial Valladares na súa obra lexicográfica de 1884, puntualizando que pertencía á lingua familiar. Pero a mesma significación, con definicións máis ou menos enriquecidas, aparece tamén en distintos dicionarios actuais doutras linguas latinas como o portugués, o español, o italiano ou o francés.

A relación de confianza e intercambio entre mulleres que ilustra a voz comadre vén de vello. Ao longo da historia e nas diferentes culturas as mulleres quedaron relegadas ao fogar. Foron privadas de dereitos reservados aos homes e invisibilizadas nas súas achegas. Porén, foron quen de tecer redes de apoio mutuo, repartindo o traballo, compartindo preocupacións para facelas máis levadías, e tamén o lecer. Sendo entre si, en definitiva, auténticas comadres.

Esta relación de confianza feminina vese reflectida en certas celebracións tradicionais como o xoves de comadres do Entroido. Nesta xornada as mulleres reuníanse a celebrar entre elas, sen o escrutinio masculino. A súa orixe parece remontarse ás Matronalias romanas, festas en honor a Xuno Lucina nas que as mulleres casadas recibían agasallos e un trato preferente; e mesmo as escravas eran dispensadas das súas tarefas.

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas tanxugueiras (2021),  nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15999507904053