Comeza a duodécima lexislatura de José Manuel Mato en Paradela
O Partido Popular restou un concelleiro con respecto ás eleccións de 2019, pero iso non impediu que lograse acadar a maioría absoluta
José Manuel Mato, actual alcalde de Paradela desde 1979, converténdose nun dos rexedores máis lonxevos de Galicia; conseguiu de novo maioría absoluta nas eleccións municipais de 2023 con 5 concelleiros, un menos que nas de 2019, pero os necesarios para gobernar en solitario.
Das 1.510 persoas censadas no municipio, 1.292 foron as que se achegaron a algún colexio electoral a deixar a súa papeleta. Desas, 674 persoas votaron ao Partido Popular, o que supón un 52,57 %, mentres que foron 598 as persoas que votaron ao Partido Socialista, menos de 100 votos de diferenza entre unha forza política e a outra.
Con estes resultados tan similares, finalmente a balanza inclinouse do lado azul, na que José Manuel Mato, despois de 45 anos seguidos sendo alcalde de Paradela, conseguiu, unha vez máis, a maioría absoluta para gobernar debido á confianza que seguen depositando nel os veciños do municipio.
Porén, a aposta do Partido socialista en Iván Castro, que se presentaba por primeira vez ás eleccións, fixo que conseguira aumentar o número de votos nestes comicios, polo que acadou un concelleiro máis, que llo quitou ao Partido Popular.
CONCELLEIROS ELECTOS
- José Manuel Mato Díaz PP
- María Montserrat Mulet Sar PP
- Jesús Pablo López González PP
- Ana Belén López Álvarez PP
- Hugo Pérez López PP
- Iván Castro Díaz PSOE
- Sara Arias López PSOE
- Kevin José Gayoso Vázquez PSOE
- Verónica Rodríguez Rodríguez PSOE
Pola súa parte, desde a agrupación socialista, quixeron dar as grazas aos veciños e veciños que “confiaron na nosa candidatura á Alcaldía” e puxeron en valor “a gran subida que nos deixa nunha situación privilexiada de cara as seguintes eleccións”.
Ademais, sostiveron que “os catro concelleiros electos defenderán a todos os veciños e veciñas no Concello e estarán dispoñibles para as necesidades que vaian xurdindo”, argumentaron.
Con respecto ao vindeiro e xa perfectamente recoñecido José Manuel Mato, este proponse “facer algo novo en Paradela en cada mandato”. Así, explicou que “nestes últimos catro, construíuse o viveiro de empresas” e, de cara á nova etapa, intentará completar a traída de auga a todos os núcleos, así como poñer en marcha un proxecto turístico vinculado ao Camiño de Santiago.