Comeza a formación da Deputación para o turismo e a hostalaría

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Arranca a formación coa que a Deputación dota de ferramentas aos concellos para apoiar a recuperación do turismo e a hostalería
Formacion turismo deputacion
6 Abr 2021

Cincuenta traballadores e traballadoras e concelleiros e concelleiras de 34 entidades locais da provincia participan ata o vindeiro 15 de xuño na acción formativa on line Promoción e Comercialización de Produtos e Servizos Turísticos Locais, unha iniciativa organizada pola Deputación de Lugo dentro do seu apoio a unha das actividades máis prexudicadas polo impacto da pandemia, como son o turismo e a hostalería.

Con esta acción formativa de 100 horas de duración, a institución provincial dota de ferramentas aos concellos para que adquiran a capacidade suficiente como para desenvolver e xestionar produtos turísticos e favorecer así a recuperación deste sector e o hostaleiro. Para iso, abordaranse, en catro bloques, estratexias de marketing turístico, proxectos de comercialización de produtos e servizos turísticos locais, o sistema de relación cliente-empresa no sector da hostalería e o turismo e a utilización das tecnoloxías da información na promoción do destino e para a creación e promoción de produtos turísticos no entorno local. Unha vez rematada a formación, os alumnos que a superen recibirán un diploma acreditativo.

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou a importancia desta formación para “a reactivación do turismo e o impulso á economía. Tendo en conta as competencias e recursos limitados que temos neste eido na institución provincial, queremos estar ao carón dun sector que é dos que máis sufriron e están sufrindo a crise sanitaria”.

Esta medida enmárcase no Plan de Impulso da Economía da Provincia, promovido pola institución provincial para apoiar aos sectores produtivos máis afectados polas restricións sanitarias, sobre todo a hostalería, o turismo e o comercio local, con accións que combinan, por unha parte, a inxección directa de recursos, e, por outro, a creación de valor engadido e a xeración dun efecto multiplicador na economía para favorecer unha recuperación sostible, estable e eficaz do tecido produtivo.

O Plan de Impulso da Economía da Provincia de Lugo contempla unha inxección económica de máis de medio millón de euros nos negocios hostaleiros e comerciais co reparto de bonos consumo, que terán un beneficio directo e inmediato, ademais de dous programas que fomentarán o turismo de proximidade: Coñece a túa provincia, que promoverá viaxes dunha xornada, en pequenos grupos e por distintos puntos da xeografía lucense; e Saborea a túa provincia, que fomentará o consumo dos produtos lucenses a través de xornadas gastronómicas e lúdicas por toda a provincia.

0.078176975250244