Comeza a I Semana da Banda da Comarca de Sarria con diversas actuacións musicais

SarriaXa
As propostas culturais rematarán o domingo, 13 de xullo, coa celebración do II Festival de Bandas Comarca de Sarria
Festival-de-Bandas-Comarca-de-Sarria
9 Jul 2025

A comarca de Sarria prepárase para vivir unha intensa semana de actividades musicais coa celebración da I Semana da Banda da Comarca de Sarria, que culminará o domingo 13 de xullo co II Festival de Bandas da Comarca de Sarria.

Durante os días mércores 9, xoves 10 e venres 11 de xullo, desenvolveranse diversas actividades formativas e musicais abertas ao público.

O programa inclúe cada día, ás 18:00 horas, un Taller de Inmersión Sonora impartido por Moisés B. López López, profesor do Conservatorio Xoán Montes de Lugo. A continuación, ás 19:00 horas, terán lugar os ensaios seccionais, e ás 20:00 horas, o ensaio xeral da Banda da Comarca de Sarria (os días mércores e xoves). O venres, a semana rematará cun ensaio aberto no Chanto, tamén ás 20:00 h, ofrecendo ao público a posibilidade de achegarse ao proceso creativo da banda.

O broche de ouro chegará o domingo 13 de xullo co II Festival de Bandas da Comarca de Sarria, que se celebrará na Praza da Vila de Sarria. A programación comezará ás 19:45 horas con dous pasarrúas simultáneos: un desde A Estación e outro desde a Praza de Galicia, ambos con destino á Praza da Vila.

A continuación, ás 20:00 horas, terá lugar o Concerto da Banda de Música de Chantada, dirixida por Carlos Timiraos Timiraos, banda convidada para esta edición. Ás 20:45 horas, será a quenda da banda anfitrioa, a Banda de Música da Comarca de Sarria, baixo a dirección de Marcos Fernández Varela, que porá o punto final a unha semana cargada de música, formación e convivencia.

Este evento está organizado pola Banda de Música da Comarca de Sarria e o Concello de Sarria, e conta co patrocinio da Deputación de Lugo - Cultura Vicepresidencia.

⚙ Configurar cookies
0.069720983505249