Comeza en Sarria o III Encontro Máxico no Rural con magos e magas de recoñecido prestixio

O III Encontro Máxico no Rural, organizado polo Concello de Sarria e coordinado por Roberto Lolo, celebrarase os días 22 e 23 de novembro coa participación de magos e magas recoñecidos que percorrerán o rural sarrián levando ilusión, humor e fantasía.
Trátase dun programa pensado para todas as idades, que aposta pola proximidade, o encontro social e a posta en valor da cultura como elemento vertebrador do territorio.
O sábado 22 a maxia comezará ás 12:00 horas en Barbadelo coa actuación do Mago Iago e Bruxo Cabacín. Ás 17:00 horas será a quenda de Mago Iago e Roberto Lolo en Fonteabuín; e o día pecharase ás 20:00 horas en Louseiro coa actuación de Roberto Lolo e Bruxo Cabacín.
O domingo 23 a xornada iniciará ás 12:00 horas na Pena con Magaldara e o Mago Fernando Moreno. Ás 17:00 horas a maxia trasladarase a Vilamaior coa participación de Magaldara e Roberto Lolo, e ás 20:00 horas o encontro rematará en Oural coa actuación de Fernando Moreno e Roberto Lolo.
Esta cita consolidada mantense fiel ao seu obxectivo de achegar a cultura e as artes escénicas ás parroquias do municipio, garantindo que a maxia chegue a todos os fogares, independentemente da súa localización.