Comeza en Sarria o XIII Máster de Futbolín con récord de participación

SarriaXa
O evento, que conta con apoio institucional, repartirá 9.000 euros en premios e desenvolverase durante toda a fin de semana
Master-Futbolín--Sarria
31 Oct 2025

O XIII Máster de Futbolín de Sarria bota a andar esta fin de semana no pavillón dos institutos, cunha previsión de participación que duplicará a da pasada edición.

A Asociación Sarria Futbolín, encargada da organización, estima reunir unhas 250 parellas nesta cita deportiva, que conta co respaldo do Concello de Sarria, da área de Mocidade da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia. O premio total ascenderá a 9.000 euros, que se distribuirán entre as diferentes categorías de xogo.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, salientou o “esforzo constante da organización para que o torneo medre ano tras ano, tanto no ámbito deportivo como no social”, e subliñou a colaboración cos centros educativos da vila, que tiveron acceso aos futbolíns instalados no pavillón nos dous últimos días.

A área de Mocidade da Deputación aporta 3.000 euros para colaborar coa celebración do campionato, que arranca esta noite ás oito coas primeiras partidas entre parellas locais e continuará de xeito ininterrompido ao longo do sábado e do domingo.

Na presentación do programa participou tamén a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, xunto con representantes das entidades implicadas e membros da organización. A responsable autonómica puxo en valor o ambiente positivo que caracteriza o encontro e a elevada presenza de xogadores e afeccionados que se desprazan ata Sarria atraídos polo torneo, un evento que, segundo destacou, “favorece a actividade económica do municipio durante estes tres días”.

⚙ Configurar cookies
0.066390991210938