Comeza o día 30 a vacinación en grandes recintos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Citarase en primeiro lugar á poboación con idade entre 70 e 79 anos e a profesionais do ámbito sanitario e sociosanitario que non foran vacinados ata o de agora
vacina
29 Oct 2024

A Consellería de Sanidade porá en marcha, a partir do vindeiro dia 30, a través da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, a vacinación fronte á gripe e a covid-19 en grandes recintos. O departamento sanitario galego citará, en primeiro lugar, á poboación con idade entre 70 e 79 anos, o que supón ao redor de 292.000 persoas a convocar. Agárdase acadar, polo menos, a mesma cobertura do ano pasado, que foi do 75% no caso da gripe e algo menor no que respecta á covid.

Tamén nos primeiros días serán convocados profesionais do ámbito sanitario e sociosanitario que non foran vacinados ata o de agora, que son ao redor de 25.000 persoas.

Xunto ao anterior, a Consellería de Sanidade subliña que xa se pode pedir autocita para que os nenos e nenas se poidan inmunizar fronte ao virus respiratorio sincitial nos centros de saúde a partir do 4 de novembro e ata finais dese mes. Con esta medida, o departamento sanitario galego pretende recaptar aos nenos e nenas que non se inmunizaron nos hospitais, que agora poderán facelo no seu centro de saúde de cabeceira, sempre que pertenzan a un grupo da campaña.

A medida está dirixida a nenos e nenas sen factores de risco nados na campaña, é dicir, os que vaian nacendo dende o 23 de setembro de 2024 ata o 31 de marzo de 2025.Tamén vacinarase aos nados con anterioridade ao inicio da campaña, dende o 1 de abril de 2024.

Outros grupos de poboación

A vacinación das persoas de 80 e máis anos continúa nos centros de saúde de cabeceira e, nos próximos días, comezarase a repescar ás que aínda non se vacinaron. A piques de rematar nesta semana a primeira convocatoria deste grupo de poboación, os niveis de cobertura acadados xa son do 66,5% no caso da gripe, e do 62% no caso da covid.

No caso da poboación infantil de 6 meses-59 meses, tamén continúa a vacinación nos centros de saúde, sendo o nivel de cobertura acadado ata o de agora un 31,5%, moi superior ao nivel acadado na mesma semana da campaña anterior.

Sanidade remarca que toda a información sobre a campaña está dispoñible na páxina web da Consellería de Sanidade.

Ademais este ano, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a través do Observatorio de Saúde Pública de Galicia, pon a disposición de toda a cidadanía os datos de cobertura de vacinación de gripe e covid cunha actualización diaria.

0.084067106246948