Comezan as actividades deportivas organizadas no CPI Ramón Piñeiro de Láncara cunha nova proposta

SarriaXa
A Anpa do CPI Ramón Piñeiro da Pobra de San Xiao de Láncara organiza para este curso escolar varias actividades deportivas para o seu alumnado, entre as que se atopa unha nova este ano, a de Kung Fu, da man de José Manuel Nunes, do club deportivo da vila.
actividades Anpa Ceip Ramon Piñeiro Láncara
23 Out 2023

A Anpa do CPI Ramón Piñeiro da Pobra de San Xiao de Láncara organiza para este curso escolar varias actividades deportivas para o seu alumnado, entre as que se atopa unha nova este ano, a de Kung Fu, da man de José Manuel Nunes, do club deportivo da vila.

Esta actividade impartirase para os nenos e nenas interesados en desenvolver este deporte os luns, venres e sábados, pero tamén haberá outras tres actividades: zumba, que terá lugar os martes con Ana; ximnasia rítmica, os mércores con Lucía, e Ioga dance, os xoves con Ana G.F.

Estas actividades, defenden desde a Anpa, "teñen como obxectivo que os nenos medren e se desenvolvan con saúde, por iso apostamos por estas actividades como unha inversión en saúde, porque activamos os seus sentidos, desenvolvemos as súas capacidades psicomotrices e sociais, superando os seus límites, interactuando cos seus compañeiros e compañeiras de actividade, aprendendo a colaborar en equipo".

Beneficios das diferentes actividades

Así, desde a Anpa poñen o foco nos beneficios de cada unha das actividades, xa que "son actividades que poñen en marcha todas as súas capacidades, como no caso do Ioga e o Kung Fu, "que inciden no desenvolvemento do Eu ou, como diría Erich Fromm, do Ser. Aprenden a tomar consciencia coordinando mente (pensamento), respiración e acción (movemento), aprenden a desconectar do antes e do despois, facer unha pausa, descargar o estrés do estudo que tiveron no cole durante o día", sosteñen.

Por outra parte, con zumba "espertan todos e cada un dos músculos do seu  corpo, cultivan a saúde cardiovascular, espertan pouco a pouco o hábito polo adestramento, a motivación por adestrar máis e mellor o que, á súa vez, se traslada, segundo confirman todos os estudos neste sentido, a un mellor rendemento nos estudos", explican.

Por último, coa ximnasia rítmica "aprenden moito máis que un deporte, aprenden algo máis que a competir, establecen vínculos de amizade e, ao igual que no resto das actividades, a construir un camiño de saúde, plenitude e benestar".

Ademais, defenden que "nuns tempos nos que as enquisas e estudos alertan dunha nova xeración de cativos menos activos físicamente e máis sedentarios, onde a dependencia a dispositivos electrónicos e a desociavilización aumenta, urxe a necesidade de cultivar nos máis peques hábitos saudables de vida. Son idades clave onde os nenos e nenas necesitan desenvolver as súas capacidades psicomotrices e sociais".

Así, conclúen que "estas son as portas que a Anpa do CPI Ramón Piñeiro abre aos nenos e nenas de Láncara, Corgo e Páramo, escolarizados na Pobra, e tanto para socios como non socios da propia Anpa".

Actividades Anpa Láncara
0.13711905479431