Comezan as Escolas Deportivas de Snooker en Sarria: "Espero que as clases teñan moito éxito"

As Escolas Deportivas de Snooker volven a Sarria da man de Juan Pedro Durán, máis coñecido como Gussy, e a colaboración do Concello de Sarria, que volve ceder o espazo da Feculera para que se desenvolva esta actividade, que volve con máis forza ca nunca.
Despois duns meses de parón debido ao cambio de titularidade da Feculera, e tras valorar outros espazos nos que poder desenvolver a actividade billarista, finalmente as mesas quedan na Feculera, onde Gussy impartirá as clases da Escola de Snooker de Sarria.
"Espero que teñan o mesmo éxito ou máis que a primeira vez que promovín dar clases de snooker aquí. Xa teño moitas mensaxes de persoas de Sarria, de Monforte, de Lugo e incluso de Asturias que queren vir probar", explica o deportista.
Arredor de 30 persoas, tal e como indica Gussy, serán os que desfruten destas clases, que estarán programadas para un día a unha hora e pactadas entre mestre e alumno, xa que estas serán totalmente personalizadas. "O que ten que facer unha persoa que queira vir á Escola de Snooker é falarme e axendar un día a unha hora concreta. Durante a clase, que durará unha hora ou hora e media, non virá xogar, virá aprender teoría e práctica comigo, polo que darei clases a unha persoa ou dúas de cada vez, para que sexa o máis personalizado posible", explica Durán.
Ademais, Gussy subliña que "o alumno non ten que pagar matrícula, non ten que pagar mensualidade e tampouco ten que comprometerse durante ningún espazo de tempo. Só hai que quedar comigo para recibir unha clase personalizada e podes recibir as clases que queiras sen compromiso de volver, desde febreiro a xuño".
A ilusión por empezar con estas clases mostrouse na presentación das Escolas Deportivas de Snooker de Sarria, que consistiu nunha masterclass na que, durante tres horas, Gussy explicou as orixes do billar e do snooker, así como a súa evolución, as normas que hai que respectar, os requisitos técnicos... e, despois, ensinou como o facía, para dar pé a que os participantes da actividade tamén se sumaran a esta parte práctica e saborearan a realidade do snooker, o que "foi moi gratificante", conclúe.